InicioMovementos SociaisNove mil euros por ocupar 26.000 metros cadrados 30 anos: as ofertas...

Nove mil euros por ocupar 26.000 metros cadrados 30 anos: as ofertas de Norvento en Mondoñedo

Titulares de 50 fincas tildan de "miseria" as cantidades ofrecidas pola empresa, que iniciou a segunda fase das obras do eólico Sasdónigas "sen asinar contratos nin executar expropiacións"

Publicada o

- Advertisement -

Titulares de medio cento de parcelas afectadas polo parque eólico de Sasdónigas, en Mondoñedo, barallan medidas legais contra a “ocupación irregular” dos seus terreos por parte de Norvento.

As propietarias e propietarios, veciños de Zoñán e Cesuras, explican que a maquinaria está a traballar nos seus predios malia que nin “asinaron contratos” coa empresa nin se executaron as “expropiacións” e os pagos correspondentes.

As fincas nesta situación supoñen, segundo os seus cálculos, “case a metade” da superficie afectada pola construción da segunda fase do parque eólico, autorizada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria no pasado mes de agosto.

ENTRE 25 CÉNTIMOS E 1,5 EUROS

Os afectados rexeitaron a proposta da empresa para a ocupación das fincas. “Queren levarnos os terreos e pagalos a nada”, comentan.

“Están ofrecendo entre 25 céntimos, nas zonas de protección do parque, e un euro e medio, polo monte plantado”, concreta Carlos, que denuncia que a empresa ocupou máis terreo do que pactara con seu pai. “Cedemos 50 metros para unha pista e afectaron case 250”, asegura.

Os propietarios piden a norvento un alugueiro mensual e que se responsabilice da retirada dos eólicos

Ángel ten na zona un terreo de 26.000 metros cadrados. “Ofrecéronnos 9.000 euros, nun pago único, pola ocupación durante trinta anos. A canto sae o metro? Unha miseria”, sentencia.

Os propietarios queren “un alugueiro anual, como teñen noutros concellos” e que a empresa se comprometa a retirar os eólicos e deixar os terreos no seu estado orixinal se abandona a actividade.

“Se non, mellor que os expropien, polo menos non nos queda a responsabilidade de desmantelar o parque, se se dá o caso”, conclúen.

TRIBUTACIÓN

Os afectados aseguran que os contratos inclúen cláusulas que autorizan á empresa a hipotecar as fincas ocupadas e que reservan para Norvento a primeira opción de compra no caso de que os titulares das fincas queiran vendelas.

Ademais, explican que a tributación das cantidades que perciben pola ocupación prexudica aos propietarios e propietarias. “A maioría deles son pensionistas que se atoparán con que teñen dous pagadores á hora de facer a declaración da renda”, indican.

“Ímonos enterando a medida que imos buscando información pola nosa conta, porque ninguén nola proporciona”, lamentan. “Algunhas persoas firmaron os contratos e agora, sabendo isto, arrepíntense”, aseguran.

os afectados aseguran que os contratos inclúen cláusulas que autorizan á empresa a hipotecar as fincas ocupadas

HUMIDAIS

Os afectados tamén advirten que as obras afectan aos humidais do nacemento do río Gontán, polo que solicitaron unha reunión con representantes da Confederación Hidrográfica. “Agardamos que esta semana nos reciban”, subliñan.

Ademais, quéixanse da “manga ancha” das administracións coa empresa fronte as restricións que os veciños “si teñen que respectar” para protexer o patrimonio.

CAMIÑO DE SANTIAGO

Nesta liña, o grupo En Marea de Mondoñedo anunciou que este mércores presentará no xulgado unha denuncia contra as obras, que consideran un “grave atentado” contra ós valores patrimoniais da zona, a carón do Camiño de Santiago.

A denuncia expón que os traballos “nas beiras da ruta de peregrinación” fan que “o itinerario orixinal sexa intransitable”.

O voceiro do partido instrumental, Manuel Germade, engadiu que En Marea está en contacto” co ICOMOS, o comité asesor da UNESCO, para pedir que “revise” a situación do Camiño ao seu paso polo concello.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...