Aprázase a ocupación dos terreos expropiados no eólico das Sasdónigas tras alegar os afectados

Os titulares pediron a suspensión do procedemento tras denunciar erros na identificación e medición de fincas e criticar a "parcialidade da Administración"

Traballos na zona afectada polo parque eólico de Sasdónigas. AXM

As reticencias da veciñanza fronte ás obras da segunda fase do parque eólico das Sasdónigas, en Mondoñedo, medran.

Malia contar coa autorización administrativa previa e de construción, o levantamento de actas de ocupación das fincas expropiadas previsto para os días 1, 4, 5 e 6 de febreiro aprazouse, ata o vindeiro 18, ante as alegacións dos titulares dos predios afectados pola Declaración de Utilidade Pública.

ALEGACIÓNS DOS PROPIETARIOS

Os veciños chamados ao acto administrativo -donos de máis de corenta fincas, “case a metade dos terreos do parque”- alegaron “erros na identificación de fincas e propietarios”  e “diferenzas de medida entre plano e realidade de ata un 20 por cento” para solicitar a anulación do procedemento.

Os titulares manteñen que o trámite se realizou de “forma irregular” ao non permitirselles facer as medicións in situ e quéixanse de que os representantes da administración “actuaron de forma parcial, favorecendo á empresa e de costas aos propietarios”.

“NON SE PODEN OCUPAR”

A Dirección Xeral de Minas deberá decidir sobre as alegacións presentadas tanto polos titulares como pola eólica Norvento, que defende a validez do procedemento.

A Conselleria de Economía e Industria aclara que “a execución das obras non se poderá realizar ata que non se dicte a ocupación definitiva”.

“IREMOS ATA O FINAL”

Os titulares dos terreos afectados polas expropiacións manteñen que “irán ata o final” para tratar de revocar o procedemento e “tombar” o proxecto, “recurrindo ao contencioso-administrativo” ou “esixindo responsabilidades pola vía penal”.

“Sempre tivemos unha actitude de colaboración coa empresa, pero están actuando cun desprezo e unha prepotencia inadmisible, comezando a traballar nas fincas sin autorización ningunha”, comentou o voceiro dos afectados, Miguel Chao.

Os afectados polas expropiacións rexeitaron as ofertas realizadas pola empresa Norvento, que consideran “miserables” e “ridículas” con respecto aos prezos pagados por terreos en concellos próximos como o de Abadín.

AFECTACIÓN AO PATRIMONIO

Ademais, pese ás autorizacións coas que conta o proxecto, veñen denunciando que as obras atentan contra os valores patrimoniais e naturais da zona, lugar de paso do Camiño Norte de Santiago ou do Camiño Real que unía Mondoñedo con Betanzos e Ferrol.

A veciñanza sostén tamén que os traballos afectan aos humidais do nacemento do río Gontán.

O grupo municipal de En Marea en Mondoñedo apoiou as reivindicacións dos veciños con asesoramento legal, recursos administrativos e denuncias no Parlamento galego.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here