Actos institucionais en Burela, Mondoñedo ou Xove completan a axenda feminista do 8 de marzo

Charlas, mesas redondas e exposicións servirán para festexar o Día Internacional da Muller

Presentación dun panel expositivo en Mondoñedo o pasado 8 de marzo

A axenda do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, con decenas de actos  organizados polo movemento feminista da comarca, refórzase coas actividades programadas desde o ámbito institucional en diferentes concellos.

RIBADEO

En Ribadeo, o concello fai un chamamento a secundar a folga de coidados, laboral, de consumo e estudiantil, sumándose ás organizacións feministas convocantes.

A Concellería de Igualdade habilitou o Teatro como lugar de encontro e apoia as actividades divulgativas que se farán na rúa, cun grupo de mulleres –Comando Informa– que se dedicará a informar ás persoas dos motivos do paro e un espazo creativo –Comando Crea– no que se elaborarán materiais para os actos reivindicativos que se desenvolverán durante a xornada.

O concello chama a secundar a folga de coidados, laboral, de consumo e estudiantil

Ás 12:00 horas, saíra da Praza 8 de Marzo unha manifestación que culminará diante do concello coa lectura dunha declaración final. Tras a mobilización, celebrarase unha comida no Teatro.

As persoas que queiran acudir a manifestación comarcal  están convocadas no aparcamento de San Lázaro ás 18:15 horas para percorreren en caravana o traxecto ata Burela.

MONDOÑEDO

O Centro de Información á Muller (CIM) presentará o venres o cuarto panel da exposición permanente “A historia de Mondoñedo leva nome de muller”, dedicada a mindonienses que destacaron ou destacan en diferentes ámbitos.

A mestra Remedios Muruais, finada en 2010, a deseñadora Remedios Espantoso, a enxeñeira Sara González, nomeada Mejor Ingeniera Química Joven pola Real Academia Española de Ingeniería en 2016, e a estudante Carmen Pavón, Premio Extraordinario de Bacharelato o curso pasado, serán as protagonistas do panel deste ano que se exporá, xunto aos de 2017 e 2018, na entrada da Casa do Concello durante o mes de marzo.

A presentación do panel expositivo será as 12:00 horas na Casa do Concello, onde se lerá unha declaración institucional

Ao longo do mes, o CIM mindoniense promoverá unha serie de coloquios sobre igualdade nos centros educativos dos concellos aos que presta servizo – ademais de Mondoñedo, Abadín, Lourenzá, Riotorto e A Pastoriza-.

Co testemuño de mulleres que contarán experiencias vividas en primeira persoa, as charlas abordarán a evolución dos dereitos femininos no último medio século.

Por último, o venres 15 entregaranse en Abadín os premios do concurso “Debuxando en Igualdade 2019” nos que se convidou a participar ao alumnado destes centros educativos.

BURELA

En Burela, que o venres acollerá a manifestación central do feminino da comarca, o concello programa as súas actividades para o sábado 9.

O papel das mulleres no asociacionismo local será o tema central dunha mesa redonda, na que participarán Chicha Osés de Amas de Casa Praia da Marosa, Tonita Baño da Coral Polifónica de Burela e María Jesús Alonso da Asociación de Redeiras Cabo Burela.

Mulleres de asociacións burelás participarán nunha mesa redonda no concello o sábado

O encontro será ás 12:30 horas no salón de actos da Casa do Concello, onde, ás 13:15 horas, o alcalde de Burela, Alfredo Llano, dará lectura a un manifesto.

A asociación de Amas de Casa Praia da Marosa organizará unha comida ás 14:00 horas.

XOVE

O concello de Xove apela ás xeracións máis novas na súa axenda polo Día Internacional da Muller.

O alumnado do IES Illa de Xarón concentrarase e lerá un Manifesto pola Igualdade este xoves ás 13:00 horas na Praza do Concello. Tamén son autores da exposición “Mulleres de Hoxe”, que inaugurarán o venres.

O alumnado do IES Illa de Xarón reivindicará a igualdade cun manifesto e unha exposición

O domingo 10, a concellería de Servizos Sociais organiza unha chocolatada dirixida a todas as mulleres do municipio ás 17:30 horas no Centro Cívico.

De cara a vindeira semana, o Centro Xuvenil organizará un obradoiro sobre diversidade dirixido á mocidade e a Aula Multideportiva acollerá un curso de defensa persoal feminina.

VÍDEO-FORUM DO OMI

O Observatorio da Mariña pola Igualdade (OMI), que alentou a organización do movemento feminista na comarca de cara ao 8M, promove un video-forum arredor das loitas das mulleres polos seus dereitos.

A proxección do filme “El orden divino”, sobre a historia do sufraxismo feminino en Suíza, inaugura o ciclo no que temán se poderán ver “Coup por coup”, “La voz dormida” e “Una canta, la otra no”.

Os pases serán os xoves ás 19:00 horas no salón de actos do IES de Foz. Antes do visionado, integrantes do OMI farán unha breve presentación do filme e, ao remate, abrirase un tempo para o debate.

 

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here