Iniciosociedade"A sociedade debíalle ás persoas con discapacidade intelectual o dereito ao voto"

“A sociedade debíalle ás persoas con discapacidade intelectual o dereito ao voto”

Case sesenta mariñaos participaron este venres en simulacros electorais en Viveiro e Burela

Publicada o

- Advertisement -

Un total de 57 mariñaos con discapacidade intelectual participou este venres dos simulacros electorais celebrados en Burela e Viveiro, dous dos oito organizados en Galicia para preparar a estas persoas de cara ás eleccións xerais do 28 de abril, nas que algúns recuperarán o voto e outros poderán exercelo por primeira vez, trala reforma da lei electoral.

Vintenove usuarios da Fundación Eu Son e vinteoito da Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual de Viveiro (Aspanane) ensaiaron o voto nun acto que serviu, por unha banda, para visibilizar que son cidadáns capaces de expresar as súas preferencias, e tamén para detectar posibles barreiras e carencias que deben ser subsanadas para garantir o exercicio do seu dereito.

Os participantes “desfrutaron moito da experiencia”, sinala Noelia Eijo, directora da Fundación Eu Son. A agrupación explicoulles punto por punto o protocolo electoral, desde a consulta do censo ata o exercicio do voto, pasando pola elección da papeleta ou o recoñecemento ao presidente da mesa electoral.

BARREIRAS

Persoas de vintepoucos anos que nunca votaran, homes e mulleres de máis de 50 que perderan o dereito ao sufraxio ao solicitárselles unha modificación da capacidade, e mesmo algúns que -polos cambios na normativa- perderon e recuperaron o voto en cuestión de meses agardan unha cita na que enfrontarán, como todos os votantes, o dilema de escoller que partido apoiar, pero tamén algunhas dificultades engadidas.

AS CABINAS SON DEMASIADO PEQUENAS, E TAMÉN A LETRA DAS PAPELETAS. PIDEN PROGRAMAS ELECTORAIS DE LECTURA DOADA

Atopámonos con problemas. As cabinas son demasiado pequenas, e tamén a letra das papeletas, e hai algunhas dúbidas sobre como exercer o voto no tocante ao Senado”, explica Vanessa López, encargada do centro ocupacional de Aspanane.

Ante a presenza de representantes políticos, que foron convidados a asistir aos simulacros, os usuarios dos colectivos leron un manifesto no que pediron programas electorais de lectura doada ou que se inclúan nos partidos persoas con capacidade intelectual.

Dado que a accesibilidade é a única maneira de garantir o dereito ao voto destas persoas, solicitaron ás administracións, que os colexios electorais teñan sinais comúns e doados de entender.

Simulacro en Viveiro. FADEMGA

Ás familias, que confíen neles e os apoien. “Respectade a nosa decisión. Queremos acabar coa discriminación”, concluíu o comunicado.

FOMENTAR A AUTONOMÍA

A recuperación do dereito ao voto das persoas con discapacidade intelectual aínda xera recelos nalgúns sectores da sociedade. “As modificacións de capacidade deben estar destinadas a protexer ás persoas, non a desposuílas de dereitos básicos”, contrapón Eijo.

Son cidadáns coma calquera, de pleno dereito. Sempre houbo unha sobreprotección e os avances teñen que ir cara o fomento da autodeterminación”, explica López, que lembra que “benefícianse ou vense prexudicados polas decisións políticas”. “O voto axuda a que te teñan en conta”, engade Eijo.

“AS MODIFICACIÓNS DE CAPACIDADE SON PARA PROTEXER ÁS PERSOAS, NON PARA DESPOSUÍLAS DE DEREITOS”, AFIRMAN DESDE EU SON

Desde Fademga son rotundos: “votar era unha débeda que tiñamos coas persoas con discapacidade intelectual, que ata o de agora eran cidadáns de segunda”.

PERDER O MEDO

Con tan só uns meses para preparar os comicios desde a reforma da lei electoral, os colectivos seguirán traballando nas vindeiras semanas cos seus usuarios para despexarlles todas as dúbidas. Neste senso, o simulacro foi útil. “Algúns deles perderon os nervios ou o medo a non ser capaces de facelo. Sen este simulacro quizais non irían votar, e agora seguramente o van facer”, expón López.

“ALGÚNS PERDERON O MEDO. SEGURAMENTE SEN O SIMULACRO NON IRÍAN VOTAR E AGORA FARANO”, ASEGURAN OS técnicos

As ganas non se discuten. “Hoxe foi un ensaio, pero vías as caras de ledicia”, sinala López. Tampouco está a debate o seu sentido do civismo e da responsabilidade. “Tiñamos medo a que algún esquecera o DNI. Habería que prohibirlle votar ou facerlle volver á casa, para facer ben o simulacro. Non faltou nin o primeiro”, sorrí Eijo.

CHAMADOS A VOTAR 5.000 GALEGOS

A Coruña, Betanzos, Rois, Cangas do Morrazo, Lalín, Pontevedra e as dúas localidades mariñás acolleron os simulacros impulsados por Fademga Plena Inclusión Galicia, que calcula que uns 5.000 discapacitados intelectuais 100.000 no Estado español están chamados a votar nos vindeiros comicios xerais.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...