Os técnicos alertan dos riscos do recorte dun operario da ambulancia medicalizada de Foz

Sinalan que a merma de persoal "empeorará a calidade asistencial" en situacións como paradas cardíacas, accidentes con varias vítimas ou traslados interhospitalarios

Protesta dos técnicos de emerxencias. AXM

Os Técnicos de Emerxencias Sanitarias (TES) da Mariña Lucense denunciaron este xoves a “perda de calidade” que padecerá o servizo de urxencias extrahospitalarias co novo contrato ofertado polo Servizo Galego de Saúde (Sergas), que contempla o recorte dun destes profesionais que integran o persoal da ambulancia medicalizada de Foz, a única da Mariña Lucense.

Os novos pregos de condicións para a prestación do servizo de transporte sanitario urxente terrestre contemplan a supresión dun dos dous postos de TES coa que está dotada a Unidade de Vixilancia Intensiva (UVI) móbil, que ademais conta cun médico e un enfermeiro. Esta dotación de catro profesionais, sen a que queda a bisbarra, é a que teñen “o resto das do territorio galego”, resaltan os técnicos.

PATOLOXÍAS TEMPODEPENDENTES

Os traballadores explican que a perda dun TES “comporta un empeoramento” na calidade do servizo “en moitas patoloxías onde o tempo de resposta é vital”. Aseguran que a presencia de dous técnicos “é fundamental” para atender a doenza e para “localizar e chegar ao punto da emerxencia”, sobre todo “nunha zona rural como é o noso ámbito de actuación”.

A “actuación nas paradas cardíacas, mobilizacións e inmobilizacións de pacientes, algúns deles axitados”, son algunhas das tarefas dos TES que, segundo o persoal, se verán mermadas en eficacia polo recorte.

INCIDENTES CON VÍTIMAS MÚLTIPLES

Os incidentes con múltiples vítimas tamén requiren dun equipo de persoal completo. “Lembramos o accidente vivido no verán de 2014 na A-8 en Mondoñedo. Este recurso con base en Foz foi o encargado da coordinación in situ do accidente. Nestes casos, especifícanse cales son as funcións dos dous técnicos que chegarían en primeiro lugar”, indican os operarios, que cren que “non se poderá cumprir de forma correcta o protocolo do 061”.

TRASLADOS ENTRE HOSPITAIS

A maiores, o servizo realiza traslados interhospitalarios. Os traballadores alertan da posibilidade de “encadear varios desprazamentos”, o que provocaría que os condutores “non teñan opción de descanso, podendo sumar un número de horas de condución esaxerado, afectando á seguridade do paciente, da dotación e dos demais usuarios da vía pública”.

Neste senso, expoñen que “na actualidade os dous TES conducen por quendas minimizando os efectos que produce unha condución dun servizo que pola súa natureza esixe moita concentración. Nos devanditos traslados xeralmente de pacientes graves e inestables poden xurdir complicacións nos cales a presenza dun TES na cabina asistencial é imprescindible”, subliñan.

ESCASEZA DE AMBULANCIAS NA BISBARRA

Os operarios remarcan que A Mariña Lucense “é unha zona cunha escasa dotación de ambulancias de soporte vital básico”. Viveiro, Burela, Mondoñedo e Ribadeo contan con este servizo as 24 horas, non así Foz, que desde 2011 só dispón del en quenda diúrna (10.00-22.00 horas).

Os técnicos da bisbarra consideran que o recorte realizado pola Xunta de Galicia en 2011 é “inxustificado”, xa que “empeora os tempos de resposta na súa área de influencia”.

“PACIENTES DE SEGUNDA”

Polo exposto, os profesionais mariñaos reclaman “traballar en igualdade de condicións que nas demais ambulancias medicalizadas existentes en Galicia”. Doutro xeito, sinalan, haberá “doentes de primeira e segunda categoría, con diferenzas na atención que recibirán os habitantes da Mariña Lucense con respecto a os doutros territorios galegos”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here