(AMPLIACIÓN) Educación prohibe un debate no IES de Foz cos cinco candidatos á alcaldía

Alega "queixas de familias" e que "no horario lectivo" o alumnado "deben estar na clase", mentres que a dirección do centro resalta os beneficios formativos da actividade

O director do IES de Foz, Nicolás Asensio (dereita), con docentes de institutos franceses. AXM

Case a última hora, pois estaba previsto para as 12.00 horas, a Xunta de Galicia cancelou este xoves o debate electoral organizado polo IES de Foz, no que ían participar os cinco candidatos á alcaldía.

Segundo a resposta da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional á consulta do Xornal da Mariña, a cancelación débese a “chamadas con queixas de familias do alumnado do IES de Foz”.

A xefatura territorial decidiu así “non autorizar a celebración do mesmo por ser en horario lectivo e porque se comunicara a intención de levar ao alumnado ao debate. Considérase que o horario lectivo debe estar dedicado, tal e como expresaron as persoas que formularon as súas queixas, a que os rapaces estean na clase”, expón a Xunta.

PRAZOS “INAXEITADOS”

O director do centro, Nicolás Asensio, indica que, segundo lle explicou a inspección educativa, a suspensión ten que ver cos prazos. Argumenta, expón o docente, que a actividade “non é axeitada a uns días” das eleccións municipais.

Asensio admite que o instituto non solicitou autorización para realizar unha actividade que é “interna do centro, pois non se publicitou nin estaba previsto que fose aberta ao público. Tampouco pedimos permiso para facer charlas de deportistas, xornalistas ou cociñeiros”, sinala.

SEN IDADE PARA O VOTO

O director do IES de Foz móstrase “sorprendido” da cancelación dun debate que xa se realizou en anteriores comicios locais, desde 2011, e que contaba co respaldo de todos os aspirantes á alcaldía: Alfonso Sixto, de Foz Plataforma de Futuro (FPF); Fran Cajoto, do PSdeG-PSOE; Damián Sánchez, de Compromiso por Galicia (CxG); Francisco Javier Fanego, do Bloque Nacionalista Galego (BNG) e Javier Castiñeira, rexedor e alcaldable do Partido Popular (PP).

“Contactamos con eles e a todos lles pareceu ben”, remarca, para engadir que “acato, pero non comparto” a decisión da Xunta. Os rapaces levaban días a preparar a súa participación.

Asensio salienta que o debate é unha actividade que parte do departamento de Historia, coa intención de que os estudantes de cuarto da Eso e primeiro de Bacharelato se familiaricen cos procesos electorais. Así, resalta que “a inmensa maioría” do alumnado ao que vai dirixida a iniciativa, non ten, pola súa idade, dereito ao voto.

ACCESO AOS ASPIRANTES

O director cre que o debate ofrece moitos beneficios para a formación dos estudantes. “É unha actividade moi enriquecedora. Falamos sempre de concienciar aos cidadáns e de implicalos na sociedade e estas persoas serán votantes en poucos anos. Debátense temas que lles interesan, como as políticas de cultura, educación e xuventude, e cuestións locais. Grazas a estes debates teñen un maior acceso aos candidatos e pódenlles facer preguntas, por exemplo, sobre se se vai arranxar unha pista de deportes”, enumera.

Asensio tamén incide en que, nos debates realizados, non houbo o mesmo ton ca noutros encontros. “Obviamente, os candidatos queren coidar a imaxe dos seus partidos e do municipio e ser exemplares para os estudantes. Nunca houbo un insulto nin un desprezo. Mesmo algúns son antigos alumnos do centro”, conclúe.

CRÍTICAS DE FPF E BNG

Algunhas das forzas políticas do municipio mostraron publicamente o seu descontento coa cancelación. Sixto, candidato de FPF, asegurou que a suspensión do debate foi “unha sorpresa maiúscula” e expresou o seu “total desacordo” coa decisión da Consellería, detrás da que ve “unha manobra do PP“. Ademais, o partido independente solicitou a realización dun debate no que queda de campaña.

O BNG de Foz falou de “censura” e atribuíu tamén a cancelación a supostos intereses do PP en que non se debata. “Suspender un debate nun centro educativo vai de fronte contra o que debe ser unha educación aberta o contexto no que se desenvolve o alumnado, e a política forma parte fundamental del”, salientou Fanego.

CASTIÑEIRA NEGA ELUDIR O DEBATE

Nunca me neguei a facer un só debate“, respondeu o rexedor e alcaldable do PP. “Participei nalgúns con rivais de maior traxectoria política ca os actuais, como Rivera, Cancio ou o finado Xoán Carlos Basanta“, afirmou, para criticar que “algúns grupos políticos traten de sacar réditos políticos utilizando falsidades, porque o debate foi desautorizado pola inspección educativa”, unha decisión que Castiñeira di “respectar” pero “non compartir”. 

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here