InicioPolíticaO BNG do Valadouro acusa ao PSOE, socio de goberno, de "buscar...

O BNG do Valadouro acusa ao PSOE, socio de goberno, de “buscar votos a calquera prezo”

O candidato dos nacionalistas culpa de "incumprir as normas da democracia" ao rexedor e alcaldable socialista, que nega enganos sobre o polígono, a piscina ou a cooperativa de vivendas

Publicada o

- Advertisement -

O actual tenente de alcalde e candidato do Bloque Nacionalista Galego (BNG) á alcaldía do Valadouro, Eduardo Chao, acusou este xoves ao rexedor e alcaldable do PSdeG-PSOE, Edmundo Maseda, de “buscar votos a calquera prezo” e de “incumprir as normas do xogo democrático na presente campaña electoral de forma reiterada”.

De todos é sabido que en período electoral a lexislación prohibe certas prácticas relacionadas coa inauguración de obras e servizos públicos ou proxectos vinculados a estes, e o alcalde non deixou de repetir ante a veciñanza que ten practicamente acabada a dotación dunha piscina infantil, cando a realidade é que as obras nin sequera comezaron”, explicou Chao.

COOPERATIVA DE VIVENDAS

Outro dos anuncios de Maseda criticados polo alcaldable da formación frontista foi o da “creación dunha cooperativa de vivenda. Este xoves, penúltimo día de campaña electoral, convoca unha reunión cos veciños interesados neste proxecto, aproveitándose da necesidade e a boa fe das familias que carecen de vivenda propia”, lamentou.

Segundo expuxo o candidato nacionalista, “é demagóxico dicir que o Concello posúe os terreos da hipotética cooperativa, pois a mecánica legal marca unhas pautas que o alcalde está a ocultar ou quizais descoñece. O terreo non se pode adxudicar directamente, senón que deberá saír a poxa pública. Do mesmo xeito, deberá producirse unha valoración pública en función do mercado, que non ten por que corresponder co prezo de compra, sobre todo se o terreo en cuestión provén dun embargo bancario”, concluíu.

POLÍGONO

Chao tamén se referiu a outro dos temas que está a marcar a campaña no Valadouro, o proxecto do polígono industrial. “Debemos aclarar de novo que os actuais terreos foron adquiridos co remanente municipal, derivado de mandatos anteriores ao do señor Maseda. Pese a proclamar hai anos aos catro ventos a promesa da colaboración doutros entes no proxecto, nin Suplusa nin Xestur apareceron no Valadouro para solucionar a carencia de infraestruturas industriais”.

Chao insistiu en que “esta cerimonia da confusión só consegue a desafección da veciñanza, que chega á conclusión de que todos os servidores públicos son iguais”, para asegurar que “desde o BNG consideramos que cada voto representa un contrato asinado cun veciño ou veciña, polo que non andamos a prometer aquilo que non poidamos levar á práctica”.

RESPOSTA DO ALCALDE

Cun ton máis suave cara o BNG, a quen cualificou de “socio leal”, Maseda non tardou en respostar ás críticas do seu compañeiro de goberno na lexislatura que está a piques de rematar.

Respecto da compra dos terreos do parque industrial, o alcaldable dos socialistas valadourenses asegurou que se fixo “con fondos propios mediante expediente de incorporación de fondos ao orzamento municipal aprobado en Pleno co voto de calidade do alcalde, voto en contra do PP e abstención do BNG. Nunca mencionei que foran subvencionados por ningunha administración. As actas dos Plenos son públicas”, explicou.

Neste senso, Maseda sostivo que a localización do polígono “non é hipotética, posto que foi aprobada a modificación puntual das normas subsidiarias no Pleno en decembro do 2018, en base a un planeamento concreto. Co voto favorable, esta vez si, do BNG”, indicou.

No tocante á piscina municipal, sinalou que “está contemplada no Plan Único Provincial, aprobado en comisión de goberno e a proposta da alcaldía. É polo tanto un feito consumado”, precisou.

Maseda tamén se referiu ao banco de libros, que “puxo en marcha a alcaldía en colaboración coa dirección do colexio no ano 2013. O BNG non formaba parte do goberno local. Si é certo que foi un dos puntos do acordo para apoiar a moción de censura, nunca o neguei”, matizou.

MASEDA CRITICA AO PP

Maseda foi máis duro co alcaldable do PP, José Manuel Lamela, a quen acusou de estar “20 anos sen facer nada, vivindo dos réditos de Eulogio Fernández Sampaio”.

Trala afirmación de Lamela de que o “cemiterio do centro social está sen rematar”, o alcaldable socialista precisou que “están listos para adxudicar 46 columnas de tres nichos, 138 en total. O centro social está rematado e non se inaugurou pola convocatoria das eleccións xerais do 28 de Abril”, sinalou.

Respecto da cooperativa de vivendas, afirmou que a hipoteca dos residentes “vailles saír por 218 euros” e “non por 300”, como suxeriu o alcaldable popular.

Finalmente, Maseda lamentou que Lamela asegurase que habilitaría un polígono industrial para O Valadouro “despois de votar en contra da dotación de fondos para a compra dos terreos en novembro do 2019 e dicir que aprobou a modificación das normas cando foron aprobadas en decembro pasado”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...