O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, participou este luns nos actos conmemorativos do 40º aniversario das primeiras eleccións municipais democráticas, que tivo lugar na sede da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) en Madrid.
O rexedor, presidente da Comisión de Medio Ambiente da FEMP e vicepresidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), presenciou a cerimonia, na que Felipe VI recibiu a Chave de Ouro do Municipalismo.
“Temos que poñer en valor eses 40 anos de traballo de todas esas persoas plenamente involucradas na vida pública cuxa forza foi o xerme da prosperidade, desa democracia que hoxe temos que seguir cultivando, e na que debemos seguir participando”, sinalou o alcalde cervense.
Villares recordou que “tiña case 9 anos” cando se celebraron os comicios, o 3 de abril. “Meu pai presentábase para ser representante local polo Concello de Cervo, e teño o recordo moi marcado de acompañalo a facer o reparto de papeletas”. “Onte estivo meu pai, hoxe estou eu, e mañá será a quenda dos nosos fillos”, sentenciou.
63 CANDIDATURAS NA MARIÑA
Aos primeiros comicios locais da democracia presentáronse na Mariña un total de 63 candidaturas de trece formacións e elixíronse quince alcaldes (Burela aínda formaba parte do municipio de Cervo). A Unión de Centro Democrático (UCD) foi o partido máis votado en nove concellos da comarca.
En Alfoz, concorreron ás eleccións UCD, Agrupación Electoral de Foz, Candidatura Independiente de Alfoz e Organización Revolucionaria de los Trabajadores (ORT).
En Barreiros, UCD, Bloque Nacional Popular Galego (BN-PG) -formación na orixe do BNG- e ORT.
En Cervo, UCD, Coalición Democrática (CD), BN-PG, Partido Socialista Obrero Español (PSOE) e ORT.
En Foz, UCD, Partido Socialista Obrero Español Histórico (PSOE H), PSOE, CD e ORT.
En Lourenzá, Independentes por Lourenzá, UCD, PSOE e ORT.
En Mondoñedo, UCD, CD, BN-PG, PSOE e ORT.
En Ourol, BN-PG, UCD e ORT.
Na Pontenova, CD, UCD, BN-PG e ORT.
En Ribadeo, UCD, Candidatura Progresista Independiente, CD, PSOE e ORT.
En Riotorto, Independentes por Riotorto, UCD, BN-PG e ORT.
En Trabada, Independentes, PSOE, UCD e ORT.
No Valadouro, UCD, CD, Unidade Galega (UG) e ORT.
No Vicedo, UCD, CD e ORT.
En Viveiro, UCD, CD, PSOE, BN-PG e ORT.
En Xove, Independentes por Xove, PSOE, UG, BN-PG e ORT.