IniciosociedadeEleccións xerais: propostas dos partidos para A Mariña

Eleccións xerais: propostas dos partidos para A Mariña

A uns días dos comicios, PSOE, PP, Galicia En Común ou BNG realizaron actos na comarca ou presentaron as súas proposicións

Publicada o

- Advertisement -

Na recta final para as eleccións xerais do vindeiro 10 de novembro, os partidos políticos mostraron algunhas das súas propostas para A Mariña Lucense.

BNG

O pasado luns, o BNG celebrou un acto en Ribadeo coa presenza da número 1 ao Congreso por Lugo, Olalla Rodil, a alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, e o rexedor ribadense, Fernando Suárez Barcia. A formación frontista fixo fincapé na necesidade dunha rebaixa da luz para a industria electrointensiva, tal e como se está a esixir para a continuidade de Alcoa, senón tamén para familias, explotacións gandeiras e pequenas e medianas empresas.

O Bloque prometeu que reclamará no Congreso unha tarifa eléctrica galega a través da “rebaixa no custe das peaxes de transporte de enerxía para aqueles territorios que son grandes produtores e exportadores, como Galicia”. Este mesmo martes, os candidatos nacionalistas Andrea Martins e Xosé Manuel Peña estiveron en Foz, onde reivindicaron que o 10-N é “unha oportunidade para A Mariña” ante o “olvido” das forzas estatais en materia de “infraestruturas” ou dun marco tarifario para Alcoa.

PP

Pola súa banda, o candidato número 1 do PP ao Congreso por Lugo mantivo unha xuntanza con representantes da asociación A Ribeira de Foz, que lle explicaron “os graves problemas” que teñen usuarios recreativos, profesionais e empresas de turismo ante a falta dunha dragaxe de Porto Chico.

Reunión de Jaime de Olano coa asociación A Ribeira. AXM

A agrupación lembrou que resolver estes problemas “é unha cuestión de vontade política”. Neste sentido, obtivo o compromiso de que será recibida pola responsable de Portos de Galicia, Susana Lenguas.

O PP mantivo tamén unha xuntanza en Mondoñedo coa Federación de Asociacións de Veciños á que asistiu o delegado territorial da Xunta de Galicia, José Manuel Balseiro

Balseiro salientou que os orzamentos da Xunta que inclúen medidas coma a gratuidade das escolas infantís a partir do segundo fillo ou o incremento dun 25% da Tarxeta benvida nos municipios de menos de 5.000 habitantes; ou inclúen partidas para continuar proxectos estratéxicos na comarca coma a segunda fase de ampliación do Hospital Público da Mariña, a construción da variante de Viveiro e a mellora da estrada da Gañidoira.

GALICIA EN COMÚN

Galicia En Común fixo fincapé nas pensións. Vanessa Somoza, que encabeza a lista ao Congreso pola provincia de Lugo, recalcou en Lugo que “temos pensións de miseria: a media das pensións contributivas ronda os 650 euros. Todos os partidos falan de reducir o gasto, pero nós dicimos que temos que incrementar os ingresos públicos e ter como prioridade garantir un sistema de pensións digno e blindado. Os pensionistas que están en loita, pelexando polo futuro de todas e todos nós, son exemplo a seguir”, concluíu.

PSOE

A cabeza de lista do PSOE, Ana Prieto, e o número 1 ao Senado, César Mogo, mantiveron unha reunión en Lugo coa Asociación de Mulleres Autónomas.

Reunión do PSOE co colectivo de autónomas. AXM

Prieto e Mogo sinalaron dende o PSOE “estamos comprometidos coas traballadoras e os traballadores autónomos que seguen padecendo deficiencias no seu réxime de cotización e de protección social, e que deben ser corrixidas canto antes”. Nesa liña avanzan que o PSOE “impulsará unha gradual equiparación dos dereitos deste colectivo cos dos traballadores por conta allea, así como co establecemento dunha cotización acorde cos seus ingresos reais, que lles comportará maior protección social en caso de desemprego, enfermidade ou xubilación”.

Así mesmo, o PSOE prometeu que incentivará o emprendimento.“Todo iso impulsarase en estreita colaboración coas organizacións representativas do traballo autónomo e no marco do diálogo social, sempre da man dos traballadores”, sinalaron os candidatos.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...