InicioEconomíaA Mariña perdería "case 40 millóns" en ingresos de prosperar os recortes...

A Mariña perdería “case 40 millóns” en ingresos de prosperar os recortes nas cotas da pescada

A directora xeral de Pesca presentou un informe económico en Burela, na primeira xornada do Congreso Nacional de Artes de Pesca, que contou cun encontro divulgativo infantil

Publicada o

- Advertisement -

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, lamentou hoxe a proposta de totais admisibles de capturas (TAC) e cotas presentada por Bruxelas para 2020 en especies como a pescada posto que tería un importante impacto na economía galega e especialmente na Mariña lucense, que podería ter que soportar arredor do 70% do total do impacto económico que esta medida tería en Galicia.

No caso deste recurso, explicou a representante da Consellería do Mar durante a apertura do primeiro Congreso Nacional de Artes de Pesca, celebrado desde este xoves en Burela, só na economía lucense a perda de ingresos “roldaría os 40 millóns de euros“, segundo un estudo elaborado polo Executivo galego e que a titular de Mar, Rosa Quintana, xa lle entregou tanto ao Goberno central como á Comisión Europea de cara á negociación dos TAC e cotas que se celebrará a próxima semana en Bruxelas.

A pescada é unha das especies máis importantes para a frota e os portos lucenses e a redución de cotas proposta polo Executivo comunitario -un 20% de media entre augas do Cantábrico Noroeste e Gran Sol suporía unha baixada nos ingresos dos barcos con porto base na Mariña de 11,3 millóns de euros, unha cifra que sobe ata os 16,3 millóns contando todas as descargas desta especie nas lonxas da Mariña, independentemente do porto base que teñan os buques que realizaron esas capturas. De feito, acorde cos datos da Xunta, a frota lucense sufriría o 75% da perda de ingresos do conxunto dos barcos galegos na pescada (que ascende a 15 millóns de euros) e o 71% da caída na facturación do total das lonxas galegas (cifrado en case 23 millóns de euros).

4,2 MILLÓNS MENOS NOS SALARIOS DA FROTA

Esta perda de ingresos directa sumada á influencia que o sector pesqueiro ten noutras ramas de actividade da economía elevaría o impacto a 38,3 millóns de euros no conxunto da economía mariñá. Por ese motivo, Rodríguez cualificou de “excesiva e inasumible esa proposta de recorte de Bruxelas”, que se negociará no Consello de Ministros da vindeira fin de semana.

Ese informe recolle ademais que a rebaixa proposta afectaría a máis dun milleiro de tripulantes da frota mariñá que captura pescada e tería un impacto de 4,2 millóns de euros nos seus salarios, unha media de case 4.200 euros por tripulante. Ademais, Rodríguez tamén sinalou que esta rebaixa podería supor unha perda indirecta de case 6,5 millóns de euros para os provedores de servizos aos barcos afectados, como subministradores de gasóleo, xeo ou víveres, entre outros.

A directora xeral de Pesca explicou que o Executivo galego levará a Bruxelas da man do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación informes sobre a pescada e o xurelo como outro do estado da cigala no Cantábrico Noroeste, no que participou a Organización de Produtores Pesqueiros (OPP 07) de Lugo, e un cuarto sobre os prexuízos que causa no palangre galego a non extensión a todas as frotas mundiais da norma que prohibe o cercenamento das aletas aos tiburóns, problemática que afecta especialmente á frota lucense, unha das máis numerosas nesta modalidade.

O presidente da Fundación Expomar e alcalde de Burela, Alfredo Llano, e mailo deputado provincial de Promoción Económica, Pablo Rivera Capón, participaron tamén na inauguración.

A CREATIVIDADE DO ALUMNADO LOCE NO CONGRESO INFANTIL

A primeira edición do Congreso Nacional de Artes de Pesca, que aspira a reivindicar os métodos artesáns, que garanten calidade do produto e sostibilidade, comezou este xoves co primeiro simposio infantil ‘Conservemos o noso mar‘, no que o alumnado do CEIP Plurilingüe Virxe do Carme (debuxo), CEIP Plurilingüe Vista Alegre (escultura a partir de lixo recollido nas praias), IES Monte Castelo (representacións artísticas de casas mariñeiras) e o IES Perdouro (fotografía) amosaron os traballos realizados para esta cita que pretende divulgar o coñecemento do medio mariño e promover bos comportamentos entre os máis novos.

Uns 200 escolares encheron o auditorio para tomar a palabra a favor do respecto polo medio ambiente, e para coñecer máis da súa vila coa intervención da doutora en Historia Contemporánea e profesora do IES Monte Castelo, Herminia Pernas, que falou sobre a contribución histórica do porto de Burela á pesca sostible.

ESTE VENRES CONTINÚA O SIMPOSIO

José Caballer Torrent, presidente da Comunidade de Pescadores El Palmar (Valencia); Juan Mercant Terrasa, Director Xeral de Pesca e Medio Mariño do Goberno das Illas Baleares; e Manuel Suárez, Patrón Maior da Confraría de Pescadores de Tarifa (Andalucía), ademais do Patrón Maior de Burela, Basilio Otero, expuxeron distintas artes de pesca de cada unha das zonas do Estado, e finalmente participaron nunha mesa redonda sobre boas prácticas na que tamén participou o coordinador de pesquerías de WWF España (Fondo Mundial para a Natureza)Raúl García Rodríguez.

Este venres, en horario matinal, continúa o programa, que inclúe unha mesa redonda (12.30 horas, salón de actos de Absa) na que participarán a economista Carme García NegroVidal Martínez-Sierra, do GDR Terras de Miranda, José Antonio Beiro, presidente da Federación Galega de Pesca Marítima Responsable e Náutica de Recreo (FEDPEMAR); Javier Fraga, de Abanca; e Concepción Blanco, de Pescados Rubén. Moderará o xerente da OPP Lugo, Sergio López. Podes consultar o programa completo nesta ligazón.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...