InicioEconomíaO eólico Sasdónigas II: 1.156 euros por expropiar 2.327 metros cadrados e...

O eólico Sasdónigas II: 1.156 euros por expropiar 2.327 metros cadrados e a afectación 31 anos de 28.002

En Marea expón as cantidades a pagar a unha propietaria e denuncia o desamparo dos titulares dos terreos tralo cambio de normativa para favorecer as expropiacións

Publicada o

- Advertisement -

O deputado parlamentario do Grupo Mixto (En Marea) Pancho Casal denunciou este venres a través das redes sociais as condicións nas que se deron o procesos de expropiación de terras para arredor de 20 parques eólicos en Galicia, entre eles o de Sasdónigas.

“É verdade como di a Xunta de Galicia que os parques eólicos levan riqueza e fixan poboación no rural?”, preguntouse de xeito público Casal, que cualifica de “Lei de Depredación de Galicia” a normativa 5/2017, do 19 de outubro, que “o Goberno autonómico chama de fomento de implantación das iniciativas empresariais”.

“Consideramos que a eliminación da necesidade de xustificar os motivos polos que non foi posible chegar a un acordo entre a empresa promotora e os propietarios dos terreos só se pode entender como un retroceso na transparencia e na xustiza enerxética do procedemento e supoñen, de facto, a eliminación dun dos poucos resortes cos que contaban os propietarios dos terreos para tentar de mellorar os resultados económicos da ocupación dos seus terreos con potencial eólico”, argumenta.

DOCUMENTO DE EXPROPIACIÓN

Así, precisa que a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Lugo “vén de enviar follas de expropiación aos propietarios de terreos en Mondoñedo afectados polo Parque eólico de Sasdónigas Fase II promovido pola empresa Norvento. Todas elas basadas na Lei franquista de expropiacións e urxente ocupación de 1954″, sostén Casal.

No tocante aos terreos afectados e á valoración dos mesmos, a superficie de pleno dominio para a promotora sería de 2.327 metros cadrados, cun importe a pagar de 395 euros (a 0,17 euros/metro cadrado). No tocante aos terreos de servidume de paso, alcanzarían os 1.354 metros cadrados, tendo que pagar Norvento 207: 0,15 euros/metro cadrado.

No que atinxe á servidume de voo, serían 3.951 metros cadrados, por 168 euros (0,04 euros/metro cadrado). Finalmente, os terreos de protección eólica alcanzarían os 22.697 metros cadrados, cun importe de 386 euros (0,017 euros/metro cadrado).

Deste xeito, a propietaria dos terreos, “de alto valor como pasto arbustivo e cunha materia prima de altísimo valor como son as máis de 4.000 horas aoo ano de vento, recibe pola expropiación absoluta de 2.327 metros cadrados e a afectación doutros 28.002 un total de 1.156 euros. Iso por 31 anos de afectación, é dicir 37 euros por ano”, critica Casal, que pregunta “canto vai facturar Norvento pola explotación do parque de 9 MW nestes 31 anos? Cunha estimación conservadora de 3.500 horas/ano, entre 50 e 60 millóns a prezos actuais da enerxía eléctrica“, expón o deputado.

OS PROPIETARIOS FALABAN DE OFERTAS DE “MISERIA”

Os propietarios xa cualificaban de “miseria” o ofrecido pola empresa no Xornal da Mariña, o pasado 22 de xaneiro. En Marea pediu na Fiscalía a paralización do parque eólico ao entender que provocaba danos medioambientais e paisaxísticos nunha zona do Camiño de Santiago.

A formación chegou a solicitar a intervención do ICOMOS, o comité asesor da UNESCO en materia de Patrimonio.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...