O mercado semanal volve o martes en Foz só con postos de alimentación e será reubicado en Ribadeo e Burela

O Concello ribadense levará a cita do mércores ao aparcadoiro municipal entre Daniel Cortezón e a Avenida de Galicia e o goberno burelao estuda onde celebralo para cumprir coa normativa

Aparcadoiro municipal de Ribadeo. GOOGLE MAPS

Despois de que os mercados semanais de Viveiro e Mondoñedo retomasen a actividade a semana pasada, nestes primeiros días do fase 1 do plan de desescalada volverán as compras ao aire libre en municipios como Foz, Ribadeo ou Burela, aínda que con restriccións. De feito, a cita viveirense regresara cun só posto dos dous inscritos na sección de venda directa (Sevedi) do Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga).

O Concello de Foz anunciou este luns que o mercado semanal retómase mañá, martes, pero só para produtos de alimentación e cunha separación entre postos adecuada ás circunstancias actuais.

CASETA CON XEL Á ENTRADA

O alcalde focense, Fran Cajoto, anuncia que “haberá cinco metros de separación entre os postos e rúas de dez metros de ancho, para garantir a distancia entre todos os compradores. Hai que recordar que só se pode atender a un cliente por quenda e non se poden manipular eses alimentos”.

Para facilitar a hixienización e colaborar a evitar contaxios do coronavirus, disporase unha caseta de madeira á entrada para dispensar xel hidroalcólico. “Todo para intentar garantir sempre esas medidas sanitarias porque aínda está o Covid-19 entre nós e temos que ser extremadamente cautelosos e precavidos”, alerta Cajoto, que concreta que na apertura dos comercios, este luns, “repartíronse uns pequenos kits do Concello con máscaras, con xel de desinfección e con información a cada local para que ninguén estea no primeiro día desprovisto dese material necesario nos momentos nos que nos atopamos”.

O RESTO DOS POSTOS INCLUIRANSE “POUCO A POUCO” NA VILA RIBADENSE

En Ribadeo, o alcalde, Fernando Suárez Barcia, anunciou que o mercado dos mércores se reanudará este 13 de maio, unicamente na súa sección de produtos agroalimentarios, prevendo a inclusión pouco a pouco do resto de artigos. A novidade é que se trasladará ao aparcadoiro municipal, debido á imposibilidade de celebrarse no sitio habitual dadas as limitacións de espazo e considerando o Concello esta nova localización “como a mellor posible pola súa centralidade”. O mercado de produtos da horta dos sábados seguirá celebrándose nas inmediacións da praza de abastos.

Suárez Barcia indicou que “imos cambiar a ubicación tradicional do mercado do mércores para o aparcadoiro público municipal, na mazá interior entre a Avenida de Galicia e a rúa Daniel Cortezón, motivado pola imposibilidade de celebrarse no sitio habitual, dadas as limitacións do espazo e considerando o novo lugar un espazo onde mellor se poden ampliar as superficies que marcan as normativas que temos que cumprir, e ao mesmo tempo pensando no futuro para seguir usando con seguridade tanto polos usuarios como polos vendedores ambulantes”.

O alcalde dixo que “imos incorporar unha serie de medidas de obrigado cumprimento para as persoas vendedoras, que estarán suxeitas a unha serie de normas protocolarias de sanidade como levar máscara, garantir dous metros de distancia entre eles e a clientela, desinfectar e limpar frecuentemente a maquinaria empregada ou poñer a disposición da clientela luvas e líquido hidroxel, entre outros”.

Con todo, “tamén as persoas usuarias destes mercados deberán garantir a separación entre eles, en todo momento, de dous metros de distancia entre si, e deberán permanecer o menor tempo posible no mercado recomendándose tamén o acceso a el con máscara e con luvas”, indica o rexedor ribadense.

“ENTRE DOCE E 15” SOLICITUDES EN BURELA

Respecto a Burela, o alcalde, Alfredo Llano, precisou que “é a nosa pretensión abrir o mercado dos venres, este próximo. Agora mesmo debemos de ter unhas doce ou quince solicitudes. Imos tratar de contestalas todas”, asegurou.

O rexedor burelao lembrou que a normativa concreta “que teñen que ter preferencia a distribución de alimentos, froitas, verduras, produtos cárnicos ou lácteos. Todo aquilo que se considere de primeira necesidade, que será preferente. Pero entendemos que poden vir outro tipo de negocios, de apeiros, de roupa ou outras cousas, pero loxicamente se temos espazo”, matiza.

Respecto á ubicación, “estamos buscando tamén a ubicación que se ten que adaptar á esixente normativa para abrir os mercados ao aire libre. Hai que acadar unha distancia mínima de seis metros entre os diferentes postos, hai que deixar un espazo moi aberto para que a xente flúa sen que haxa roces, e que se vexa que hai espazo tanto para a xente como para os diferentes postos. Estamos mirando cal é a mellor localización e que sexa garante de que se poida levar o mercado para esa zona”, indica.

O BNG DE VIVEIRO RECLAMA HABILITAR OS POSTOS BALEIROS DA PRAZA DE ABASTOS PARA OS PRACEIROS

Desde o BNG de Viveiro insisten na súa solicitude de que o Concello “ceda temporalmente os postos baleiros do Mercado Municipal (Praza de Abastos) para paliar a actual situación dos praceiros e produtores locais que non poden realizar a súa actividade nos mercados semanais nin darlles saída aos seus produtos de horta.

“A rapidez e axilidade é vital en moitos casos, este é un deles, canto máis se tarde en habilitarlles estes postos, máis produtos terán que desbotar creándolles aínda máis perdas”, indica a concelleira da formación frontista, Míriam Bermúdez.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here