Lamentan o “impacto visual” das obras no mosteiro de Lourenzá e piden “unha rehabilitación definitiva”

Patrimonio Laurentino cre que colocar unha chapa metálica para evitar filtracións nas cubertas choca co criterio de "mínima intervención" nos BIC e os "valores orixinarios" do monumento

Obra no mosteiro de San Salvador. CEDIDA

A asociación cultural Patrimonio Laurentino expuxo nun comunicado de prensa a súa visión sobre as obras “de emerxencia” nas cubertas do mosteiro de San Salvador, en Lourenzá, recentemente realizadas polo bispado de Mondoñedo-Ferrol. A agrupación critica “o impacto visual” das actuacións no conxunto histórico artístico e no monumento, declarado Ben de Interese Cultural (BIC) en 1974, dado que “a colocación dunha chapa metálica gris nunha superficie de 1.450 metros non garda ningún parecido co tellado de lousa da igrexa ou do resto dos edificios colindantes, e está a supor a retirada cando menos dunha boa parte da estrutura de madeira existente”, o que choca cos criterios de “mínima intervención” e “preferencia polas técnicas e materiais tradicionais” que deben cumprir as actuacións nos BIC.

Patrimonio Laurentino considera tamén “significativo” o orzamento das actuacións, de algo máis de 126.000 euros, “para unha actuación que se presenta como temporal“, salientando que as actuacións de “emerxencia” deben “limitarse aos labores estritamente necesarios”. Así, reclama que “se comece a traballar inmediatamente para conseguir o antes posible unha actuación definitiva, que poña solución ao estado de deterioro actual do inmoble e a estas solucións tan distantes dos valores orixinarios do conxunto monumental”.

A agrupación asegura compartir a “incredulidade e indignación” de “moitos veciños” aos que a diario “se lles pide o cumprimento dun gran número de formalismos burocráticos e estritas esixencias por parte dos organismos encargados de velar polo cumprimento da legalidade urbanística ou de tipo patrimonial”, mentres que “coñecen sorprendidos a conformidade con este tipo de actuacións por parte de Patrimonio“.

O COLECTIVO REIVINDICA A CESIÓN DO INMOBLE PARA USOS DE INTERESE SOCIAL

Deste xeito, ofrece colaboración á Xunta de Galicia para “preservar os valores artísticos do conxunto monumental, traballar para que se realice unha rehabilitación respectuosa e definitiva, a fin de que se leve adiante unha actuación de tipo integral e o mosteiro se destine a usos de interese social, e que non se siga no camiño de obras para parchear e instalacións cerradas”.

Para este propósito, o colectivo tamén reitera unha oferta de colaboración ao Concello “na reivindicación da cesión do mosteiro“.

Patrimonio Laurentino pide que “cesen este tipo de actuacións provisionais e se aposte por unha rehabilitación de carácter definitivo que, cun custo probablemente pouco superior ao que se está a realizar neste momento, suporía unha verdadeira solución aos problemas de conservación e á necesidade de utilidade social”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here