InicioDeportesO Pescados Rubén FSF asina o triplete ao dobregar o Poio na...

O Pescados Rubén FSF asina o triplete ao dobregar o Poio na Supercopa de Vista Alegre

Peque lidera ao equipo da Mariña, que se amosa superior ao seu rival e comeza o 2021 tal e como rematou o 2020, engadindo un novo título ao seu palmarés

Publicada o

- Advertisement -

O Pescados Rubén Burela FSF proclamouse campión da Supercopa de España ao derrotar en Vista Alegre (2-0) ao Poio Pescamar da man dunha Peque extraordinaria, que anotou un tanto e comandou a sólida actuación do equipo da Mariña. O cadro burelao gañou así o triplete da tempada 2019-2020: LigaCopa da Raíña e Supercopa.

Foi a xogadora madrileña, elexida MVP do duelo, a que adiantou, no minuto 7, ao conxunto que adestran Julio Delgado e máis Lucas, logo dunha excelente manobra individual. Pouco antes, os colexiados anularon un gol a Miriam por falta en ataque.

O Pescados Rubén seguiu a dominar a primeira metade e dispuxo de ocasións para aumentar a renda por medio de Dany, que se topou no man a man cunha porteira sensacional coma Silvia, e de Elena Aragón, quen sobrepasado o cuarto de hora de encontro desaproveitou un dobre penalti.

Dany tivo unha nova oportunidade a un minuto para o descanso, logo dun gran contraataque, e a pivote do Burela FSF non perdoou desta vez. As ‘guerreiras laranxas’ aínda poideron aumentar o botín nunha xogada entre Peque e Bea Mateos que se estrelou no pau.

Na segunda metade, continuou o dominio das da Mariña. Peque topouse co pau, Leti disparou alto e Dany non puido superar a Caridad tras unha incursión por banda.

Con catro minutos para o final, o adestrador do Poio, Manu Cossío, apostou pola porteira-xogadora e o xogo de cinco, pero o cadro burelao soubo defender a portería de Jozi para acadar un novo título, apenas tres semanas despois de facerse coa súa segunda Copa da Raíña.

A mala nova do encontro foron as lesións de Ale de Paz e Cilene, que non poideron rematar o encontro, e de Antía, do Poio, que tamén tivo que retirarse.

FICHA TÉCNICA

Pescados Rubén Burela: Jozi Oliveira; Cristina, Peque, Cami, Leti -cinco inicial-, Dany Domingos, Cilene, Bea Mateos, Ale de Paz, Elena Aragón.

Poio Pescamar: Silvia; Irene García, Luci, Ana Rivera, Dani Sousa -cinco inicial-, Antía, Miriam, Clara, Julia, Chiesa, Caridade (p.s.), Iraia.

Goles: 1-0, m .7: Peque. 2-0, m. 18: Dany Domingos.

Árbitros: Carreira Romeu e Ferrero Carballal (Galicia).

Incidencias: final da Supercopa de España disputada en Vista Alegre ante uns 200 espectadores (aforamento reducido).

Podes ver o partido completo nesta ligazón.

O EQUIPO MASCULINO PODE COMPLETAR UNHA XORNADA PARA LEMBRAR NA FINAL DA COPA GALICIA

O club laranxa pode completar unha xornada para lembrar dado que o equipo masculino xogará esta tarde a final da XXIX Copa Galicia, fronte ao Noia Portus Apostoli (A Gándara, 17.00 horas, en directo TVG2).

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...