A terceira vaga da Covid alcanza a área de Lugo, que sobrepasa a marca dos 1.000 casos

Viveiro continúa a súa alza de positivos, con 11 contaxios máis rexistrados; Ribadeo conta outros seis e Xove outros catro.

Proba PCR. EFE/BRAIS LORENZO

A área sanitaria de Lugo sobrepasa xa a marca dos 1.000 casos activos de Covid. Son, en concreto, 1.031 as persoas que agora mesmo están pasando a enfermidade na provincia de Lugo, segundo o reconto ofrecido este sábado polo Servizo Galego de Saúde (Sergas). Desta maneira, nas últimas 24 horas confirmáronse un total de 84 novos contaxios a través da proba PCR. Isto implica un aumento de 9 casos con respecto aos rexistrados na pasada xornada, cando se detectaron 75.

A situación nos hospitais case non varía. Das 1.031 persoas contaxiadas, 35 atópanse en unidades de hospitalización, cifra que non se modificou con respecto ao venres. Con todo, unha persoa máis está en coidados intensivos (UCI). O reparto por hospitais queda, pois, do seguinte xeito: o Hospital Público da Mariña atende 14 pacientes infectados, o C.H.U. de Lugo conta con 16 – entre eles, os catro da provincia en coidados intensivos(+1) -, e o Hospital de Monforte rexistra cinco pacientes.

No histórico da provincia documéntanse 151 falecidos, 6.968 altas e 8.156 casos acumulados dende o inicio da pandemia. Fixéronse, ademais, un total de 139.111 probas PCR.

No tocante á situación epidemiolóxica por municipios, a alza dos positivos confirmados nos últimos 14 días continúa en Viveiro (249, +11 respecto ao anterior reconto), mentres que en Xove apenas varía, dos 110 comunicados onte aos 112 comunicados este sábado. Ambos municipios manteñen as restricións máis altas entre as aplicadas desde a pasada medianoite pola Xunta de Galicia.

En Burela, os contaxios localizados nas últimas dúas semanas baixan a 49 (-1); en Ribadeo cóntanse 19 (seis máis), 21 en Cervo (catro máis), e 17 no Vicedo. O resto dos municipios da Mariña teñen menos de dez casos detectados nese mesmo período; Lourenzá é o único concello da comarca libre de Covid-19.

COLEXIOS

Na área de Lugo, os positivos elévanse a 128 (+5) e as aulas pechadas a 2. Os centros máis afectados sitúanse no municipio de Viveiro: o IES Vilar Ponte con 11, o IES María Sarmiento con 10 e o Plurilingüe de Covas con 9.

RESIDENCIAS

As persoas maiores infectadas en residencias distribúense do seguinte xeito:

38 Residencia da Pastoriza

3 Residencia de Maiores de Burela

11 Residencia Hospital Asilo San Sebastián e San Lázaro (Ribadeo)

2 Apartamentos Tutelados San Bartolomeu de Xove

15 Residencia San Bartolomeu de Xove

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here