(GALERÍA E VÍDEO) Dous milleiros de persoas claman pola sanidade pública da Mariña

Veciños, sindicatos e partidos da oposición respaldaron a manifestación da plataforma contra o deterioro dos servizos e pola recuperación da área sanitaria

Manifestantes na Praza do Concello. AXM

Dous milleiros de persoas manifestáronse este xoves en Burela, convocados pola Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña, para esixir a mellora dos servizos sanitarios tanto no Hospital da Costa como nos centros de saúde, e para reivindicar que a bisbarra conta con entidade suficiente para recuperar a área sanitaria suprimida polo Servizo Galego de Saúde (Sergas).

Cando se cumpre un ano da aprobación da reforma da lei de saúde, que supuxo a supresión das áreas sanitarias da Mariña Lucense e Monforte, asimiladas pola Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Lugo, Cervo e Monforte, os convocantes chamaron á poboación mariñá a manifestarse polo “deterioro dos servizos”.

PERDA DE AUTONOMÍA

O colectivo entende que a supresión da área, e con ela a perda de autonomía e capacidade de xestión dos servizos sanitarios ofrecidos na Mariña Lucense, está detrás da perda de calidade sanitaria tanto no Hospital Público da Mariña como en atención primaria.

De feito, remarcan, a veciña comarca de Ferrol, cun número similar de habitantes e distancias menores da que hai desde a Mariña Lucense a Lugo, non está considerada como distrito, como si acontece coa bisbarra.

Con lemas como “non queremos nacer na Xesta“, “a sanidade deféndese goberne quen goberne” ou “a saúde non é un negocio“, os manifestantes partiron do centro hospitalario burelao para rematar o acto reivindicativo na Praza do Concello. Alí, o médico do centro de saúde de Burela Carlos Fernández Fraga leu un manifesto que sintetizou as reivindicacións.

Na Mariña Lucense non nos rendemos nin nos resignamos”, comezou Fernández Fraga.

A plataforma cualificou de “desvergoña” o anuncio do Sergas, trala reforma da lei de saúde, de que a bisbarra contaría “con máis e mellores servizos” e da “blindaxe” do Hospital Público da Mariña, cando a sanidade pública na comarca “está a padecer un deterioro constante”.

Estamos aquí para preguntarlle a quen dirixe a nosa sanidade onde están os máis e mellores servizos prometidos”, remarcou Fernández Fraga.

Os manifestantes reclamaron ao Sergas “máis recursos humáns e materiais” aos centros de saúde e que “a ampliación de edificios do Hospital Público da Mariña vaia acompañada dunha dotación de máis servizos”.

HOSPITAL DA COSTA

No relativo ao Hospital Público da Mariña, os manifestantes esixiron a dotación da resonancia nuclear magnética fixa, dunha consulta de cirurxía vascular ou a recuperación da implantación de marcapasos e das operacións de fimose pediátrica foron algunhas das demandas dos manifestantes.

Tamén se solicitou a creación de prazas públicas de logopedas e terapeutas ocupacionais e a dotación dunha consulta de enfermería oncolóxica.

Os manifestantes tamén esixiron que rematen as derivacións aos hospitais privados de Lugo e A Coruña e as privatizacións de servizos hospitalarios, coma o mantemento ou as historias clínicas.

ATENCIÓN PRIMARIA

No tocante á atención primaria, a plataforma esixiu a creación de prazas de persoal de tódalas categorías profesionais en xornada ordinaria e a redución de cupos. Segundo expuxo o colectivo, o máximo permisible serían 1.250 tarxetas sanitarias por médico e enfermeira, e 800 por pediatra. Así mesmo, reclamouse dotar destes especialistas a todos os centros de saúde.

A cobertura do 100% das ausencias en todas as categorías foi outra das demandas expostas na manifestación, ante as reiteradas queixas en varios municipios da comarca –Mondoñedo, Lourenzá e Barreiros, Ribadeo, Viveiro ou Xove– pola non substitución dos profesionais.

Tamén se demandou o reforzo dos Puntos de Atención Continuada (PAC), coa petición de dous equipos completos en todos os ambulatorios.

APOIO VECIÑAL, SINDICAL E DA OPOSICIÓN

A convocatoria tivo o respaldo de todas as forzas políticas da oposición. A deputada do BNG Olalla Rodil ou o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, asistiron á protesta. 

A través dun comunicado, Caballero lamentou “asupresión das áreas sanitarias”, que interpreta como “unha mostra de como o PP non entende a importancia de ter unha sanidade pública de calidade, gratuíta e próxima”. O secretario xeral dos socialistas galegos subliñou que desde a reforma da lei de saúde, a plataforma sanitaria da Mariña recadou “máis de 1.500 reclamacións”

Alcaldes de Burela, Ribadeo, Trabada, Ourol, O Valadouro e Alfoz -cuxos equipos de goberno fletaron autobuses– así como membros do goberno local de Viveiro, acudiron á cita. Tamén estivo o rexedor da Pontenova e presidente da Deputación, Darío Campos

Sindicatos e colectivos de pensionistas sumáronse tamén á manifestación convocada pola plataforma sanitaria da Mariña. 

Imaxes e vídeo cedidos por CIG Saúde.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here