IniciosociedadeUnha empresa cifra en "3.500 euros por concello" o custo de reducir...

Unha empresa cifra en “3.500 euros por concello” o custo de reducir “ao 50%” os niños de velutina na Mariña

Serpa, radicada en Viveiro, propón aos gobernos locais colocar "entre 15.000 e 20.000 trampas" na vindeira primavera, co que afirma que se "manterá a raia" a expansión da avespa asiática

Publicada o

- Advertisement -

A empresa Servicios Privados Antivelutina (Serpa), radicada en Viveiroespecializada na loita contra a vespa asiática, anunciou este venres que propuxo aos concellos da Mariña Lucense unha campaña para “manter a raia” a velutina, cun trampeo que eliminaría “o 50% dos niños”, a un custo de “3.500 euros por municipio“.

Así o sostén José María Vázquez, dirixente desta empresa que traballa con varios municipios da comarca -Viveiro, Burela ou O Valadouro, que se presentou como o primeiro concello de Europa en conter a expansión da avespa asiática– e que fundou unha franquicia que opera en Cantabria (en 21 municipios), Cataluña, País Vasco ou Asturias, e que baralla dar o salto “ao mercado francés e portugués”.

O plan presentado aos gobernos locais mariñaos consiste, explica, “nun trampeo primaveral de raíñas, cun proxecto de poñer no exercicio 2020 entre 15.000 e 20.000 trampas na Mariña Lucense, coa idea de baixar o número de niños á metade en 2020″.

Os atraíntes deben poñerse, indica, de xeito metódico, “no que chamamos os restaurantes da velutina, nunhas árbores especiais con floración, co néctar que procuran as raíñas solitarias, que traballan catro niños. Capturar cada unha delas é un triunfo, porque son 20.000 ou 30.000 avespas menos que pode fabricar na súa vida útil“, argumenta.

RETIRADA DE NIÑOS E FORMACIÓN PARA A VECIÑANZA

Este plan, afirma Vázquez, “debe ir acompañado dunha retirada constante de niños e tamén pode completarse opcionalmente dunha charla de formación para a veciñanza en xeral, indicándolle como facer as trampas, para quen queira teña unha no seu xardín, o que pode axudar moito”. O orzamento por municipio, calcula, ascendería “a 3.500 euros”, o que considera “un prezo ridículo” para “a cantidade de problemas que pode solventar: máis seguridade da saúde das persoas, das abellas, froita destragada… É interesante para todos, e sobre todo para a supervivencia do campo, onde a xente o está a pasar moi mal”, enumera.

Neste sentido, salienta que o trampeo primaveral correspóndese co inicio do ciclo da velutina, “cando os niños están ubicados moi baixos. Daquela representan un perigo para as persoas, pois poden aparecer en calquera sitio, preto das casas, en lugares de desbroce. Cando están máis altos, son relativamente menos perigosos”, expón.

EN VIVEIRO, “DE 529 NIÑOS A 248 NUN ANO”

Vázquez presume de cifras obtidas nos concellos que contrataron os servizos da empresa. “No Valadouro, aínda que hai máis ca o ano pasado, mantemos con 160 niños o estándar de 1,5 por cada quilómetro cadradoEn Viveiro, de 529 que houbo no 2018 pasamos a 248“, sostén.

Namentres, afirma, onde non houbo trampeo houbo “problemas. O ano pasado houbo nordés ata xuño e viñeron as avespas moi tarde, este ano viñeron antes, quitei un niño de 80 centímetros en xullo. Tiveron moito máis tempo de traballo, e polo tanto para os apicultores un mes e medio máis de asedio, houbo quen non puido aguantar as colmeas”, sinala.

NO 2020 HABERÁ QUE TRAMPEAR “ANTES”

Neste sentido, e baseándose no máis tardío peche dos niños, considera que “o tempo de xestación das avespas vai comezar máis cedo. Imos valorar trampear antes, o 1 de marzo en lugar do 15. Se vén o nordés e non lles permite arrincar con forza pode debilitar o número de niños, pero son factores que dependen dunha natureza, pero a contención da velutina non pode depender diso”, indica.

PLAN PREVENTIVO “PIONEIRO” EN ESPAÑA

“Levamos varios anos quitando resultados positivos; isto pasou de ser un experimento a ser unha realidade; a velutina pódese controlar”, asevera Vázquez, que resalta que A Mariña foi un dos primeiros focos de Galicia onde se documentou a presenza do animal. “É un territorio moi propenso pola súa humidade. Desde aquí podemos facer un contraataque, porque seríamos a primeira comarca en España e pode que en Europa que adopta un plan global contra a avespa asiática”.

A falta dun plan xeral contra a velutina por parte da Xunta de Galicia, Vázquez sostén que “con retirar niños non se fai nada. Os datos que rexistra o Goberno galego por chamadas demostran que a velutina está espallada por toda a comunidade. Leva seis anos aquí e hai que plantexar outras cousas”, sinala, para remarcar que se trata “dunha praga“.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...