A Deputación “documenta” unha ruta alternativa a Compostela que atravesaría A Mariña

O Camiño do Mar, paralelo ao Cantábrico, pasaría por Ribadeo, Viveiro, Burela e Foz

Vidal, no stand da Deputación, AXM

A Deputación de Lugo expuxo no foro do Camiño de Santiago Fairway, celebrado en Compostela, que traballa en tres novas rutas alternativas “para un posible recoñecemento oficial no futuro”.

Un deles é o Camiño do Mar, que pasaría pola Mariña lucense; outro, a Vía Rexia do Norte, de Abres a Lugo por Meira, e a ruta Künig, que segue o itinerario que fixo un monxe alemán no ano 1495.

O Camiño do Mar transcorrería en paralelo ao Cantábrico atravesando toda a Mariña lucense por paisaxes costeiros e vilas mariñeiras de Ribadeo, Foz, Burela, e Viveiro.

VIA REXIA

A Vía Rexia afectaría aos municipios da Pontenova, Riotorto, Meira, A Pastoriza, Pol e Castro de Rei, para converxer en Lugo co Camiño Primitivo.

OUTRA DAS RUTAS QUE INVESTIGA O GOBERNO PROVINCIAL AFECTARÍA AOS MUNICIPIOS DA PONTENOVA E RIOTORTO

VIA KÜNIG

Por último, a Vía Künig abranguería os concellos de Pedrafita, As Nogais, Becerreá, Baralla e O Corgo.

O deputado de turismo, Eduardo Vidal, sinalou que estas rutas “están sendo investigadas e documentadas” para o seu recoñecemento, dado que “os camiños xacobeos constitúen un importante impulso económico e cultural para a provincia”.

De acadarse o obxectivo do ente provincial, estes itinerarios sumaríanse aos catro que atravesan a provincia de Lugo: o Camiño Francés, o Camiño Primitivo, o Camiño do Norte e o Camiño de Inverno.

800 QUILÓMETROS DE ITINERARIOS NA PROVINCIA

Vidal explicou a iniciativa no encontro profesional máis importante sobre rutas xacobeas, punto de encontro entre axentes, institucións, empresas e demais profesionais vencellados ao Camiño de Santiago.

O deputado destacou que “a provincia de Lugo é a gran porta de entrada a Galicia de milleiros de peregrinos cada ano. Conta con máis de 800 quilómetros de itinerarios xacobeos que discorren por 30 dos seus 67 concellos”, subliñou.

As pallozas do Cebreiro, a muralla de Lugo, a Ribeira Sacra ou a Praia das Catedrais foron algúns dos recursos turísticos que promocionou a Deputación na súa presentación en Fairway.

TRABADA BUSCA IDEAS PARA O ALBERGUE

Os concellos de Mondoñedo, Ribadeo e Trabada estiveron no foro para dar a coñecer os seus atractivos turísticos.

García Bermúdez. AXM

A alcaldesa de Trabada, Mayra García Bermúdez, sinala que “contactamos con operadores interesados na promoción de destinos emerxentes e pouco masificados”.

O CONCELLO TRABADENSE TERÁ UN ALBERGUE CON CAPACIDADE PARA SETE PEREGRINOS

Tamén, sinalou a rexedora, “descubrimos novas tecnoloxías aplicadas á mellora dos servizos de atención ao peregrino, de cara á apertura do albergue municipal”.

Finalmente, a primeira edil trabadense afirmou que “os contactos establecidos permitirán que os nosos establecementos turísticos dispoñan de novas liñas de comercialización do Camiño norte, que diversifiquen a súa oferta”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here