O Burela FS volve á Primeira División

O Pescados Rubén empata co Noia (3-3) e acada o ascenso e o campionato a falta de dúas xornadas para o remate da competición

Os xogadores, corpo técnico, directiva e seareiros do Burela FS celebran o ascenso e o título de Liga. AXM

O Pescados Rubén Burela FS xogará a vindeira campaña na Primeira División da Liga Nacional de Fútbol Sala (LNFS) despois de certificar o ascenso a falta de dúas xornadas para o remate da Liga regular na categoría de prata. Tamén asegurou o título da Segunda División.

O conxunto que adestra Juanma Marrube regresará así á elite do fútbol sala español despois de perder a categoría na tempada 2016-2017. Farao tras un excelente curso, no que se mostrou superior ao resto de candidatos ao ascenso e só cedeu unha derrota.

O cadro burelao empatou co Noia Portus Apostoli (3-3) e obtivo o punto que precisaba para promocionar directamente á Primeira División. Minutos antes de rematar o encontro acabara o duelo do Mengíbar, que igualou na pista de El Pozo Ciudad de Murcia (2-2) e perdeu así as opcións de dar caza aos burelaos.

AMBIENTE ESPECTACULAR

Cun ambiente espectacular en Vista Alegre, cunhas gradas repletas tinguidas de laranxa agás na zona que ocupou a afección do Noia, que se fixo notar e que non deixou de animar aos seus, os primeiros compases do encontro demostraron os nervios nos dous bandos. O Noia Portus Apostoli tamén afrontaba un encontro chave, no seu caso para manterse na categoría.

Nos primeiros minutos, con moitos erros dos dous aspirantes, tentárono sen éxito Iago Míguez e máis Hélder, pero apenas houbo situacións de perigo.

Rebasado o ecuador da primeira metade, a intensidade defensiva decaeu e o Burela FS colleu o mando do duelo. Renato avisou nunha xogada de estratexia. Hélder disparou case sen ángulo e estivo a piques de sorprender a Brais, gardameta do Noia canteirán do Burela, que acto seguido salvou un gol cantado ao rexeitar un remate claro de Lucho.

A falta de catro minutos para o desenlace da primeira metade, Uri gozou da primeira ocasión clara dos visitantes. Edu rexeitou o seu disparo raso cunha excelente intervención, demostrando de novo que é un dos porteiros máis decisivos da categoría.

Pasados os momentos de maior fulgor do Pescados Rubén, semellaba que o descanso chegaría sen cambios no marcador. Pero a falta de 37 segundos para o remate do primeiro tempo, Pizarro conectou un disparo imposible para Edu e puxo ao Noia por diante no marcador.

REACCIÓN TRALO DESCANSO

Tralo descanso, o Burela FS reaccionou de inmediato. Se o Noia anotou un gol dos chamados psicolóxicos, o Pescados Rubén respondeu do mesmo xeito. Antes de que se cumprira o primeiro minuto do segundo acto, Renato aproveitou unha xogada de estratexia para desatar o xúbilo na bancada e equilibrar o marcador.

O cadro de Juanma Marrube exerceu unha presión alta que non deixou saír da súa pista aos visitantes. No minuto 24, outro produto da “fábrica” laranxa, Hélder, puxo en vantaxe aos locais ante unha afección entregada. Segundos despois, co Noia fóra de combate, Matamoros perdoou o 3-1.

O cadro coruñés volveu ao encontro cun tanto de Pizarro no minuto 25 ao que respondeu Matamoros segundos despois. O pivote madrileño luciu a súa poderosa zurda cun disparo cruzado lonxe do alcance de Brais.

Os xogadores mantean a Juanma. AXM

Nuns compases nos que ningún dos dous equipos controlaba o xogo, Edu evitou o 3-3 ao solventar un man a man ante Quilez. O 9 do Noia non perdoou no minuto 27, cun soberbio disparo que valía o empate.

A falta de dez minutos para o final soubose o resultado do Mengíbar e os dous equipos carecían da enerxía do inicio. Matamoros estivo a piques de poñer a guinda á tarde cunha perfecta chilena coa que non atopou portería por pouco.

DE VOLTA Á MELLOR LIGA DO MUNDO

Non importaba xa. O Burela FS está de volta na Primera División cun proxecto con protagonismo para a xente da casa -xogadores como Hélder, Renato, Iago Míguez ou Pitero, un técnico que é un home de club como Marrube- e que enganchou de novo a Vista Alegre.

Edu, Imanol, Joselito, Lucho, Iago Míguez, Luisma, Matamoros, Juanfran, Renato, Pope, Vargas, Hélder, Pitero, Porto, Nito e Arros quedarán sempre na memoria dos seareiros como os xogadores que o fixeron posible. Con mención especial para Marrube, que á segunda tentativa si puido ser profeta na súa terra e ascender ao equipo da súa vida. Un que levará o nome de Burela e da Mariña Lucense polas pistas da considerada mellor Liga de fútbol sala do mundo.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here