Queimada, Osa do Mar e San Bartolo, entre a axenda de ocio da fin de semana

Tamén haberá exaltacións da tortilla ou da carne ao caldeiro, feiras de gando, mallas e verbenas

Queimada Popular de Cervo. TURISMO DE GALICIA

Seleccionamos de novo un abano de posibilidades entre a oferta cultural e de ocio da Mariña Lucense para a vindeira fin de semana.

ALFOZ

Carballido segue a celebrar o San Roque. O sábado haberá churrascada, desde as 21.00 horas, e música con Claxxon e Karmín 

BARREIROS

Celeiro de Mariñaos celebra a romería de San Caetano desde o venres e o sábado exaltará a tortilla facendo unha tan grande que lle hai que dar a volta cun tractor. Aquí podes consultar o programa dos festexos.

O venres, desde as 23.00 horas, a Ukestra do Medio actuará no Cámping Gaivota. Eido Dourado pecha as súas portas tras dez anos co concerto, o domingo, da Banda da Loba (22.30 horas), nun evento que será especial.

BURELA

O Festival Osa do Mar ofrece un mosaico da música pop alternativa. Este venres, a partir das 22.00 horas, hai concertos na cervexería Kiko, con Miss Lane & The Kryptonians, The Show Bass (The Xoubas) e Oh Ayatollah. A noite acabará no pub Warhol con DJ Ze Pequeno.

O sábado, Brisa FenoyTerbutalina ou Arizona Baby serán algúns dos atractivos do festival, desde as 22.00 horas e de balde na Praza do Concello.

CERVO

A 40 edición da Queimada Popular enfeitizará a Praza do Souto. A baixada da comitiva que inclúe meigas, trasgos e diaños está prevista para as 23.00 horas, e acto seguido comezará a escenificación, que é distinta cada ano. Ao seu remate servirase o licor e actuarán Banda Crebinsky, O Sonoro Maxín e Festicultores Troupe.

FOZ

Multitude de propostas nesta fin de semana en Foz. A feira Foz Market inclúe unha variada oferta culinaria -hai 12 food trucks con comida de diferentes países- e actividades de ocio para grandes e pequenos.

Abrirá ata domingo, ao igual que a feira do libro, que contará coa presenza da escritora focega Luisa Castro, o sábado ás 18.00 horas.

A Feira do Gando de Cangas de Foz, o domingo, recupera unha tradición que se remonta alomenos aos anos 40 do século pasado. Os asistentes poderán deleitarse coas carreiras de cabalos e desfrutar dunha variada oferta gastronómica no recinto.

OUROL

A asociación Aturuxeiros de Bravos celebran o sábado a segunda edición da malla tradicional, un evento de contido etnográfico que inclúe sesión vermú, xantar e xogos populares.

Malla en Bravos. ATURUXEIROS DE BRAVOS

RIBADEO

Remourelle celebra o sábado a décimo terceira edición da exaltación da carne ao caldeiro. O reparto comezará ás 14.00 horas e o prezo das racións será de 20 euros (adultos) e doce (nenos).

VIVEIRO

Últimos días das patronais de San Roque en Viveiro, con protagonismo para os grupos locais. O venres hai sardiñada nas Nogueiras, desde as 18.00 horas, e concerto do coro Tempus Fugit, a partir das 22.00 horas na Praza Maior.

O sábado, desde as 17.00 horas, celebrarase o Día do Neno. Sons de Celeiro animará a noite desde as 22.00 horas na praza. O domingo, desde as 21.30, actuarán un ano máis Escolma de Meus.

Ademais, segue aberta a feira de artesanía, nos xardíns de Noriega Varela. De 11.00 a 14.00 horas e de 17.30 a 22.00.

XOVE

Os amantes da verbena teñen unha cita en Xove, que continúa a celebrar as súas festas do San Bartolo. Galilea e Os Satélites actuarán na noite do sábado, mentres que Pontevedra e París de Noia farano o domingo.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here