InicioEn ProfundidadeMariñaos en Alcoa A Coruña: "pelexaremos, esta planta ten moito que dar...

Mariñaos en Alcoa A Coruña: “pelexaremos, esta planta ten moito que dar aínda”

Miguel Del Río Cubelo, sancibrense, e David Barreira, burelés, contan como viven o conflito laboral da planta coruñesa

Publicada o

- Advertisement -

O anuncio de peche das fábricas de Alcoa en A Coruña e Avilés foi un xarro de auga fría para a Mariña Lucense, malia que a planta de San Cibrao quedará á marxe dos procesos de despedimento colectivo iniciados pola multinacional do aluminio.

A posible clausura das factorías afectará á bisbarra de moitas maneiras. Entre elas, supón unha ameaza para o futuro dos nosos migrantes, mozos da comarca que marcharon á procura de traballo.

Miguel Del Río Cubelo, natural de San Cibrao, ten 36 anos. David Barreira Suárez, de Burela, conta 35. Os dous traballan na planta coruñesa de Alcoa e levan como poden as malas novas.

seus pais traballaron na fábrica de san cibrao e eles gañan o pan na planta coruñesa

“Non o agardabamos. Sempre hai rumores pero non pensei que fose pasar agora, cun prezo do aluminio que está bastante alto“, indica Cubelo, empregado da factoría coruñesa desde 2007.

FAMILIAS DO ALUMINIO GALEGO

O mozo sancibrense procede dunha familia que se apoiou no aluminio galego para saír adiante. Seu pai traballa en San Cibrao, igual ca un tío e un primo.

Ocorre o mesmo con Barreira, que tamén entrou na fábrica coruñesa hai once anos. “Meu pai marchou de Mondoñedo para a Costa. Primeiro andivo ao mar e traballou de albanel, pero Inespal ofrecíalle estabilidade e mellores condicións laborais e non o pensou”, explica.

“aquí sempre me sentín coma un eventual. non queremos parches, queremos traballar”, di miguel

Cubelo ingresou na planta da Coruña cunha promesa de estabilidade semellante, que no seu caso non se cumpriu. “Non me atrevo a mercar un piso. Non che parece que sexas un traballador indefinido, tés a sensación de que eres un eventual“, expón.

PROVISIONALIDADE

A sensación de provisionalidade na planta da Coruña vén de lonxe. No 2014 Alcoa presentou outro ERE extintivo, finalmente retirado. Por iso, os traballadores resaltan que “non queremos parches. Queremos que as administracións actúen para que haxa estabilidade”, sinala Miguel. “Se Alcoa non está interesada, que venda e nos deixe traballar“, sostén Barreira.

Os traballadores inciden na necesidade dun marco enerxético estable para axudar ás plantas a ser competitivas. “Se se acada unha tarifa eléctrica razonable para varios anos, estamos convencidos de que esta fábrica sae adiante”, sinala Barreira.

“se hai unha tarifa eléctrica estable isto vai para diante”, insisten

Ao traballador burelés moléstalle que se insista nas axudas económicas que recibiu Alcoa dos sucesivos Gobernos centrais. “Eses cartos van parar ás eléctricas, non á empresa. O actual mercado da electricidade é unha estafa pura e dura e é comprensible que a multinacional non queira investir se só hai un compromiso por seis meses“, argumenta.

“FABRICAMOS ALUMINIO DE CALIDADE”

Tanto Cubelo como Barreira coinciden en que a factoría coruñesa, que data de 1960, ten potencial e podería ser produtiva sen grandes investimentos. “Facemos un aluminio de moita calidade, do que se aproveita un 99%. Aínda que poda ser máis caro, iso para un comprador significa tamén un aforro”, sostén Barreira.

Barreira, cun grupo de compañeiros durante un descanso das quendas de vixiancia. AXM

FUTURO

Ningún dos dous quere pensar en exceso no futuro, nese 1 de decembro no que concluirá o período de consultas do ERE de extinción. “Que fas? Botar currículums antes de que o faga todo o mundo? Emigrar? Primeiro temos que tentar levantar esta situación”, afirma Barreira.

“que fas? botas currículums xa? emigras? primeiro temos que tentar levantar esta situación”, afirman

Tampouco lle dan voltas ao que suporía o peche para unha cidade, como A Coruña, na que o tecido industrial se desmembrou nas últimas décadas. “Sería un baleiro tremendo. Afectaría a un 20% da economía?”, pregúntase Cubelo. Barreira enumera os posibles afectados: “panadeiros, colexios, supermercados… Todos dependemos doutros, todo vai únido”, conclúe.

De momento, fan o que teñen que facer. Están puntuais nas quendas para evitar que saian camións con mercancía, e nas concentracións diante da fábrica para visibilizar o seu problema. O luns farán unha marcha ata a delegación de Goberno en roupa de traballo. “A verdade é que nos levamos moi ben, somos como unha familia”, indica Cubelo.

“OXALÁ A MARIÑA SE MOBILICE”

Da súa terra reciben whatsapps e chamadas, pero esperan que a sociedade da Mariña se mova. “Quixeramos que houbera mobilizacións simbólicas“, afirma Cubelo. Barreira razoa que, de se manifestaren, os mariñaos “non só estarán a protestar por nós, senón tamén por eles. Se non se arranxa a cuestión da enerxía, Alcoa podería marchar de San Cibrao“, asegura.

“a comarca debe moverse. non só por nós, senón porque san cibrao podería ser a seguinte”, avisan

Rematamos a entrevista con Miguel sobre as nove da noite, unha hora antes de que entre a traballar na quenda das dez.

Como se traballa nestas circunstancias? “Pois triste, pero tentando centrarnos no que temos que facer, en non levar ningún golpe e en coidar as instalacións. Esta é a nosa vaca, é o que nos queda. Temos que sacala adiante porque ten moito que dar aínda”, conclúe.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...