Máis problemas no Virxe do Carme: un insecto predador da couza, novo inquilino do centro

O centro cambiará mobles e portas para eliminar a scleroderma doméstica, que xa picou a varios docentes

Picadas do insecto. AXM

Os problemas acumúlanse para a comunidade do Ceip Virxe do Carme de Burela. A Asociación de Nais e Pais (Anpa) denuncia que ao longo dos últimos días apareceron exemplares de scleroderma doméstica en varias aulas de primaria do centro.

Este insecto de pequeno tamaño é un depredador da couza da madeira, que abunda nalgúns dos mobles do colexio.

Caracterízase por unha picada dolorosa que pode causar, ocasionalmente, febre ou reaccións alérxicas.

Varios docentes, de feito, foron trabados por este animal, unha picada que lles provocou reaccións cutáneas. Por agora non hai alumnos afectados.

Con todo, a directora do centro, Pepa Fernández, asegura que non se pode falar de praga.

“Témolo bastante controlado. Imos cambiar os mobles que están máis afectados pola couza cun equipamento da Xunta de Galicia e tamén algunhas portas, para o que nos puxemos en contacto co Concello“, explica.

Scleroderma doméstica. AXM

A Anpa do colexio burelés e mailo equipo docente lamentan un novo problema que engadir aos moitos que ten o centro, que pola súa antigüidade precisa dunha reforma integral.

a directora explica que non se trata dunha praga e que a súa presenza “está controlada”

NOVA REUNIÓN

A presidenta do colectivo de pais e nais, Eva López, esixe ás administracións “que demostren o celo que lles faltou ata agora” e que arranxen o centro “de inmediato”.

“Os nosos pequenos están a ir á clase entre goteiras, con bichos, ratos, e o peor é que o están a normalizar, nin protestan. Isto é inxusto, non pode ser que haxa centros de luxo e outros que están caendo co mesmo diñeiro, o de todos”, indica.

Por iso, a Anpa convocou unha nova xuntanza o vindeiro mércores, ás 20.00 horas na sala de conferencias da antiga biblioteca.

os pais reuniranse o vindeiro mércores para informar da situación e consensuar medidas a adoptar

OBRAS DA XUNTA

No tocante ás obras de emerxencia prometidas pola Xunta para evitar as filtracións de auga, a directora do centro agarda que comecen en breve.

“Dixéronnos que por agora non poideran empezar por un retraso no suministro do material, pero agardamos que comecen axiña”, indica Fernández.

A docente tamén avanzou que técnicos da Xunta realizaron medicións nos outros dous edificios do centro. O Goberno galego anunciou días atrás que estuda “unha reforma integral” do colexio, que sería no 2020.

CIUDADANOS

O voceiro de Ciudadanos na Mariña Lucense, Manuel Vicente, sumouse á fronte política que desatou o deterioro do centro nas últimas semanas.

Vicente criticou o “desleixo e falta de seriedade institucional” do alcalde, e instou a Concello de Burela e Xunta a que “acaten as competencias que lles dá a lei e solucionen este problema”.

PP

O PP de Burela, pola súa banda, anunciou que o presidente da xestora local, Manuel Rouco, solicitou unha entrevista co delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, para tratar o deterioro do colexio.

O ALCALDE CHAMA A REBAIXAR O TON

O alcalde de Burela, o socialista Alfredo Llano, chamou este venres á calma trala polémica política suscitada estes días entre Concello e Xunta, que se acusan mutuamente de eludir competencias na materia.

“Queremos deixar de xogar ao ping pong e queremos achegar o máximo posible para que se garanta unha actividade escolar normalizada, e que outros acheguen o que lles corresponde”, concluíu.

1 COMMENT

  1. A can fraco todo son pulgas.
    E un dos que tiña que poñer os medios, ere que ere, que a administración que el representa non lle toca, que a responsabilidade e de outro.
    Foder, (con perdón, que me crispo) este si que tiña que pasar por “os castros” uns aniños.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here