A contaminación por augas fecais en Burela esperta as críticas do ecoloxismo

Ecoloxistas en Acción denuncia os casos de contaminación na Mariña, entre os que se conta o proxecto de Praia Altar, en Barreiros.


A plataforma Ecoloxistas en Acción vén de lanzar as conclusións do seu estudo sobre a contaminación en areais galegos. En total, a asociación ecoloxista identificou seis praias galardoadas coa retranqueira medalla das “bandeiras negras”, dignas daqueles espazos que, por distintas circunstancias, presentan un estado ambiental negativo a ollos da plataforma.
O reparto das praias ou espazos en mala situación é equitativo entre as tres provincias galegas que contan con saída ao mar. A Coruña, Lugo e Pontevedra contan, respectivamente, con dous espazos catalogados baixo a bandeira negra.
No caso lucense e mariñán, o primeiro dos exemplos sinalados por Ecoloxistas sitúase no concello de Burela. É aquí onde a plataforma ecoloxista denuncia as verteduras de augas residuais sen achegarlles un “tratamento adecuado” que lle valen a toda a zona a consideración de bandeira negra; consecuencia dun sistema de tratamento “deficiente” e que tamén pon en risco a pervivencia do ecosistema.
AUGAS FECAIS EN BURELA
A consecuencia non é outra que as “continuas verteduras de augas fecais sen tratamento adecuado ao medio mariño”. “Tanto o goberno local como o autonómico levan tempo anunciando a ampliación e mellora da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR), sen que se chegue a concretar esta actuación”, destacan dende a plataforma.
ESPIGÓN
Por último, o informe de Ecoloxistas pecha a súa listaxe de bandeiras negras aludindo ao proxecto para construír o espigón da Praia de Altar, no Concello de Barreiros, obra que tamén carrexaría o desenvolvemento dunha dragaxe sobre os fondos mariños. A problemática estaría en que a zona escollida para a obra “forma parte dunha Zona de Especial Conservación ( ZEC) e Zona de Especial Protección para as Aves ( ZEPA) da Rede Natura 2000”.
Así é que a intervención “traerá consecuencias impredicibles” nas zonas de alimentación e cría de especies vulnerables, segundo apuntan dende Ecoloxistas, que denuncia que o estudo de impacto ambiental do proxecto “non avalía o impacto da dragaxe nas zonas de praderías mariñas” da especie Zostera noltii, presentes nas zonas onde se expoñen os traballos.  Por isto emprazan ao MITECO a que “no canto de acometer unha actuación tan lesiva débese coidar por remediación natural de que o areal non perda a area que está a ser achegada polas correntes mariñas.”

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here