O Burela FS será o embaixador turístico do concello tras a sinatura dun convenio por 15.000 euros

O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández, declarou que "tamén buscamos a igualdade, que as nenas teñan participación nas actividades deportivas”.

Sinatura do convenio entre Concello de Burela e Burela FS

O Concello de Burela e o club Burela FS asinaron este pasado xoves  o convenio nominativo para a promoción turística do municipio co equipo deportivo por importe de 15.000 euros.

O equipo de goberno burelés tamén aprobou as bases para a concesión de subvencións aos clubs deportivos locais. A partida destinada a este fin en 2021 ascende a 32.000 euros, nove mil máis que no pasado ano. O concelleiro de Deportes e Turismo, Ramiro Fernández, dixo que unha vez que se publiquen no BOP os clubs disporán de 30 días para solicitar as subvencións.

O concelleiro burelés declarou que “entendemos que é unha cantidade importante pero con ela pretendemos que o Burela FS dentro das súas categorías, promocione o noso concello turisticamente”. Segundo Fernández, o equipo é un escaparate magnífico dado que o equipo de fútbol sala “é un referente a nivel nacional en todas as categorías, especialmente na feminina onde está recollendo unha grande cantidade de éxitos, e tamén o masculino está en Primeira División”.

Ramiro Fernández explicou que “somos conscientes das dificultades que pasaron a tempada anterior os equipos que non tiñan capacidade para facer esa recadación nos bares e nas billeteiras”. Debido a isto, desde o Concello decidiron apostar por incrementar a partida destinada ás subvencións aos clubs. “Pasamos a 32.000 euros, o que supón un incremento con respecto ao ano anterior de 9.000 euros” sinalou Fernández.

O concelleiro de Deportes subliñou que as subvención son outorgadas en concorrencia competitiva. “Son unhas bases que foron acordadas cos clubs en base a uns criterios que fixamos con eles”. Ramiro Fernández destacou tamén o bo funcionamento deste sistema,  pois “realmente as axudas van a aqueles clubs que máis se implican e que máis éxitos conseguen”.

Por outra parte “tamén buscamos a igualdade, que as nenas teñan participación nas actividades deportivas”. Ramiro Fernández  declarou que estas subvención son unha aposta firme e decidida polo deporte en Burela.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here