Burela repartirá bolsas reutilizables para comprar froitas e verduras para reducir a presenza de plástico

A edil de Medio Ambiente, Toñi Eijo, explica que “ademais estas bolsas levan impreso o teléfono do Punto Limpo e o horario no que se debe de chamar previamente antes de deixar residuos voluminosos preto dos contedores”.


A Concellería de Medio Ambiente pon en marcha unha nova actuación dentro da campaña Burela Re-Bonita, que consiste no reparto dun pack de dúas bolsas reutilizables para a compra de froita e verdura e así reducir as de plástico dun só uso.

As monitoras de Gaia colocaranse os vindeiros martes en horario de 11:00 a 14:00 horas en varios puntos da localidade: o 18 de xaneiro estarán diante da Praza do Concello; o día 25 en Arcadio Pardiñas á altura da zona de O Campón; e o 1 de febreiro en Arcadio Pardiñas á altura da Mercería Paca.

A edil Toñi Eijo explica que “ademais estas bolsas levan impreso o teléfono do Punto Limpo e o horario no que se debe de chamar previamente antes de deixar residuos voluminosos preto dos contedores”.

A concelleira de Medio Ambiente sinala que “o obxectivo é minimizar o uso de bolsas de plástico, xa que este é un material pouco respectuoso co medio ambiente ao non seren reciclables. Estas bolsas que imos repartir, debido ao seu tamaño, están indicadas para a compra de froita e verdura, non utilizando as habituais de plástico existentes nos supermercados”.

Toñi Eijo matiza que “son bolsas de poliéster reciclado. Ao estar feitas dun material ao que se deu unha segunda vida, son máis respectuosas coa contorna e o son aínda máis polo seu carácter reutilizable. Do mesmo xeito que as de tea pódense lavar tanto a man como a máquina. Tamén inclúen un práctico peche para que se poidan abrir e pechar sen problema e teñen un deseño que as fai moi cómodas e fáciles de usar. Ao estar feitas de poliéster son moito máis resistentes ante as manchas. Outra vantaxe con respecto ás de tea reutilizables é que podemos lavar a froita mesmo estando dentro”.

Para a edil burelesa “o importante é que estas mallas van axudar a diminuír a cantidade de plástico que utilizas cando vas comprar froitas e verduras e iso é algo que o planeta necesita”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here