O ex presidente de Cabo Verde, en Burela

Encontro con Pedro Verona Rodrígues Pires, ex presidente de Cabo Verde

Pedro Verona Rodrígues Pires, Presidente da República de Cabo Verde entre os anos 2001 e 2011, é o actual Presidente da Fundaçao Amilcar Cabral e do Instituto Pedro Pires para a Liderança está este sábado en Burela. O ex presidente manterá un encontro coa comunidade caboverdiana ás 18:30 horas, antes da recepción co alcalde.

Rodrígues Pires foi combatente abnegado pola causa da liberdade do seu pobo e dos pobos africanos. Mantívose, porén, sempre partidario fiel da paz, de solucións negociadas dos conflitos e de relacións pacíficas e cooperativas entre os países e pobos do planeta. Liderou negociacións que conduciron á independencia do seu país, o 5 de xullo de 1975.

Apoiou con firmeza as loitas de liberación que conduciron á independencia dos pobos do Zimbaué e da Namíbia e a abolición do réxime do apartheid na África do Sul. Como home de estado, tense distinguido como un político moderado, tolerante, partidario da paz e defensor dos dereitos humanos. Tamén ten traballado pola ampliación e intensificación de relacións de amizade e cooperación entre Cabo Verde e os Estados Africanos. Firme defensor do estado de dereito, no plano internacional sempre defendeu unha ONU interventora e garante da paz mundial e da legalidade internacional.

No ano 2011, Pedro Pires foi galardoado co Premio Mo Ibrahim pola boa gobernanza, nomeamento que distingue aos mellores líderes políticos, premio que comparte con Nelson Mandela, entre outros.

 

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here