O CEIP Vista Alegre de Burela recibiu este luns ao alumnado e profesorado do programa Erasmus+ Project

O alcalde Alfredo Llano estivo tamén presente para a recepción das oitenta persoas que compoñen este grupo do Erasmus + Project “Friends for our planet”.

Aula inundada no Ceip Virxe do Carme. AXM

O alcalde de Burela, Alfredo Llano, participou esta mañá na recepción que a comunidade educativa do Ceip Vista Alegre realizou ao alumnado e profesorado do Erasmus + Project “Friends for our planet”, preto de 80 persoas provintes de Bélxica, Romanía e Grecia.

Co patio do colexio ateigado de bandeiras e mensaxes de benvida, celebraron a chegada dos seus compañeiros e compañeiras estranxeiros con música, pezas de teatro, e tamén cun baile ao son de “Terra” das Tanxugueiras, que repetiron todos xuntos para festexar a diversidade e o lema da canción: “non hai fronteiras”.

Alfredo Llano agradeceu ao director e a toda a comunidade educativa “a súa implicación con estas iniciativas que tanto contribúen ao desenvolvemento persoal e educativo das nenas e nenos, tendo a oportunidade desde xa moi pequenos de viaxar a outros países e de coñecer, desde a súa localidade, as culturas distintas que hai noutros lugares”, subliñou o rexedor, facendo fincapé en que “é unha cousa boa para o colexio e tamén para o pobo, polo que ofrecemos todo o que está ao noso alcance para que o alumnado e profesorado estranxeiro coñeza Burela e se senta como na súa casa estes días”.

Este proxecto que une a escolares de Burela e doutros países co reto principal de coidar a natureza e concienciar sobre o cambio climático, contou co apoio da Delegación de Medio Ambiente do Concello burelés, realizando ao longo destes días xunto coas monitores da aula Gaia a ruta xeolóxica do Monte Castelo, rutas por Burela e tamén a visita ao Barco Museo “Reina del Carmen”, así como a ruta do porto e visita á lonxa climatizada, co obxectivo de que alumnos e profesores belgas, rumanos e gregos coñezan de preto a cultura mariñeira, as paisaxes, tradicións e compromiso que Burela mantén co medio ambiente. O mércores desprazaranse ata Cangas e realizarán xogos relacionados coa reciclaxe.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here