Burela esixe á Consellería de Educación máis recursos para a integración plena de alumnado estranxeiro

Acusan ao Executivo galego de desatender as reiteradas demandas do Concello para dar resposta á problemática existente nas aulas do municipio pola súa peculiar realidade, con alumnado de máis de 40 nacionalidades distintas


O Concello de Burela esixe á Consellería de Educación da Xunta de Galicia que dote aos centros educativos do municipio dos recursos necesarios para atender a realidade particular da súa poboación, na que coexisten arredor de 40 nacionalidades distintas.

Ao longo destes dous últimos anos, o Concello remitiu varias comunicacións á Consellería de Educación e ao Servizo de Inspección Educativa da Xunta advertindo da situación que atravesan os centros de ensino de Burela, cunha falta evidente de profesorado de reforzo que está a prexudicar gravemente a calidade educativa de toda a comunidade escolar, e que pode derivar nun grave problema social no futuro.

“Puxemos en coñecemento da Consellería en varias ocasións que para os organismos públicos só figura como estranxeiro o alumnado que non ten DNI español, un 7% do total, cando en realidade é un 30% o alumnado de procedencia estranxeira de diferentes países, a maior parte subdesenvolvidos”, explicou Noelia Mª Ben, concelleira de Inmigración, Cooperación e Integración. A chegada é continua en canto á chegada de menores estranxeiros a Burela, que se incorporan ao curso en distintos momentos “cunhas necesidades especiais, pois na meirande parte non coñecen ningún dos nosos idiomas oficiais nin se lles ofrece un reforzo adecuado para a súa integración escolar nin social, relegándoos a cursos inferiores cun desfase curricular evidenciado pola falta de profesorado de apoio”.

Nesta liña, as profesoras e profesores “están sobrecargados de traballo, xa que a taxa de alumnado por clase mantense sen excepción, non podendo prestar unha atención de calidade nin aos nenos e nenas estranxeiros, nin aos de nacionalidade española que teñen algún tipo de dificultade ou mesmo discapacidade, repercutindo esta situación negativamente á totalidade do alumnado”, subliñou a edil.

Desde o Concello afirman que a carencia de medios é insostible, e acusan á Consellería de Educación de permitir e promover “unha discriminación clara que impide a integración plena, que perpetúa a situación de exclusión social na que se atopan moitas familias, que vulnera o dereito básico á educación igualitaria recollido na Constitución Española e que dá lugar a un ensino discriminatorio, clasista e segregacionista, que xa está a provocar que algúns pais e nais teñan que recorrer á atención privada para tratar algúns problemas dos pequenos, ou que decidan matricular aos seus fillos e fillas en colexios doutros concellos”.

A realidade apunta a que se está a lastrar desde hai moitos anos o futuro do alumnado de procedencia estranxeira, pois son casos contados os que accederon nos últimos 40 anos a estudos superiores ou que finalizaron estudos medios, mesmo sen remataren en moitos casos a educación básica.

“Queremos saber o que opina a Xunta de Galicia destes datos, xa que non nos recibe despois de numerosos escritos, se vai seguir botando balóns fóra, negando a realidade, ou deixando este problema para máis adiante, pois non lle debe parecer urxente asumir as súas competencias e dar solucións, preocuparse por Burela de verdade e non tratarnos coma cidadáns de segunda sen ter en conta as cifras reais, que escoiten á xente, aos pais e nais, e que se poñan a traballar para reverter desde xa as lamentables cifras que temos e previr unha enorme fonte de conflito social no futuro”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here