PP e FPF sacan adiante os orzamentos de Foz para 2018

Castiñeira valora que acordo permitirá "sacar os pregos definitivos para o concurso da residencia"

Castiñeira, á esquerda, con Durán e Barreiro. AXM

Os votos a favor de PP e Foz Plataforma de Futuro (FPF) serviron para aprobar os orzamentos de Foz de 2018. Os dous partidos validaron no pleno o principio de acordo ao que chegaron días. O alcalde focego, o popular Javier Castiñeira, asegura que o pacto permitirá sacar adiante “o plan de emprego, o Plan Verán e o regulamento para a residencia de maiores”.

Outros proxectos que se levarán a cabo, asegura o rexedor, serán “o arranxo da urbanización da Fonte da Cruz, a mellora da traída de auga de Mañente e o arranxo da estrada de Pedrido a Nois. Ademais aprobouse o plan económico financeiro para poder sacar adiante tanto o regulamento da residencia como o plan de xestión municipal”.

Castiñeira subliña que “é un paso adiante sobre todo para que poidamos sacar os pregos definitivos do concurso da residencia, publicalos e facer un concurso aberto, cristalino e con concorrencia, para que en poucos meses poidamos ter a residencia xa funcionando”.

CRÍTICAS DE PSOE E BNG

PSOE e BNG foron críticos cos orzamentos. Os socialistas falaron de “Concello en quebra técnica” e sinalaron que “se os presupostos anteriores eran malos, os novos son peores, e veranse dous exercicios, o actual e o vindeiro, polo plan económico financieiro e a partida de non dispoñibilidade de 560.000 euros”.

Os nacionalistas, pola súa banda, censuraron que os presupostos contemplan “a privatización por outros vinte anos do servizo municipal de abastecemento e depuración de augas”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here