Coñece a programación do Carme en Foz e San Cibrao

Concertos, verbenas e as tradicionais ofrendas á patroa dos mariñeiros animarán as festas

A actuación de Luar na Lubre será un dos atractivos do Carme en San Cibrao.

San Cibrao e Foz celebrarán un ano máis en torno ao 16 de xullo as festas do Carme. A programación inclúe verbenas, concertos, gastronomía e as tradicionais ofrendas na honra da patroa dos mariñeiros e da xente do mar.

SAN CIBRAO

Nas vésperas da festa haberá teatro. A Asociación de Enfermos Mentais da Mariña representará o mércores unha peza contra o bullying. Será ás 20.00 horas, na casa da cultura. Ao día seguinte será a quenda do Bordelo, que interpretará ‘Depende’, e o venres tocaralle a Ardora, que porá en escena ‘Flor de Outono’. Estas dúas obras comezarán ás 21.00 horas, no mesmo escenario. O sábado haberá maxia, coa actuación de Brais e Tanito Clown.

OS GRUPOS DE FOLK LUAR NA LUBRE E A RODA ACTUARÁN NA CITA SANCIBRENSE

O domingo, haberá sesión vermú con Montreal, que compartirá a noite cun grupo homenaxe a Fito & Fitipaldis. A misa, na igrexa parroquial, comezará ás 21.00 horas. A continuación sairá a procesión do Carme cara o peirao sancibrense. Ás 23.30, na Praza dos Campos, arrincará o concerto do grupo folk A Roda, que dará paso a verbena.

O luns 16, día grande, a tradicional misa no peirao será ás 12.00 horas. Acto seguido comezará a tradicional ofrenda floral na honra dos mariñeiros falecidos, a cargo de Sara Campo López. A Rebolaxe acompañará a procesión ata a igrexa de Lieiro. Suavecito actuará na sesión vermú e na verbena, e ás 23.00 horas empezará o concerto de Luar Na Lubre.

FOZ

O venres 13 de xullo, o investigador da historia local Antón Niñe abrirá as festas do Carme de Foz co pregón, que se celebrará ás 20.30 horas. Esa mesma noite, ás 23.30 horas, haberá concerto-tributo a Joaquín Sabina e Joan Manuel Serrat, a cargo de Dos Pájaros y un trío. Será no Paseo de Colón.

O INVESTIGADOR E PROFESOR ANTóN NIÑE ABRIRÁ CO PREGÓN A CELEBRACIÓN FOCEGA

O sábado 14 haberá sardiñada, desde ás 19.00 horas, e verbena con Samba e Garibaldi. O domingo 15, Armonía Show e Palladium porán ritmo á noite. A partir das once farase a confección das alfombras florais para o paso da imaxe do Carme ao día seguinte, a xornada grande dos festexos.

A misa do luns será ás 12.00, á que seguirá a procesión. A banda de música e os grupos folclóricos A Subela, O Feitizo e Andaravío participarán no evento. Haberá xogos infantís gratuítos no Paseo da Ribeira desde as 18.00 horas, e Costa Oeste amenizará a verbena”.

SANTA CILLA

Na parroquia focega de Santa Cilla, a celebración adiántase á vindeira fin de semana. O venres haberá churrascada, desde as 21.00 horas, e baile con Montreal.

O sábado, a xornada festiva inclúe misa e procesión, desde as 13.00 horas, sesión vermú e verbena, con Cinema e Fórmula. O domingo haberá misa e baile a mediodía, co dúo Epo-K.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here