Francisco Cajoto: “Hai que ventilar o que leva anos con malas praxes”

Francisco Cajoto foi elixido alcalde de Foz en 2019 polo PSdeG-PSOE. Como todos e todas as alcaldesas, tivo nas súas mans a responsabilidade de atender aos veciños e veciñas na pandemia. O alcalde focense espera a vertebración da Mariña coa finalización do Corredor do Cantábrico, a isto engade que o anteproxecto da nova EDAR está en marcha xunto con novas obras de accesos para desconxestionar a vila e transformala nun lugar sustentable.

Fran Cajoto. AXM

-Como viviu a pandemia en Foz como alcalde e se supuxo algún contratempo para as autoridades locais?

As responsabilidades da alcaldía son moi amplas, mais desta volta vimos como estas responsabilidades aumentaban. Por unha banda, a administración local é a máis próxima á cidadanía, isto traduciuse, por exemplo, en subministrar alimentos ás persoas que non podían saír das súas casas por culpa do confinamento. Tamén se atendeu o grupo de persoas que quedaron sen traballo durante o confinamento, moitas delas en familias sen recursos. Con todos eles e ellas, a administración municipal estivo aí. Despois houbo que preparar medidas de prevención sanitaria e asumindo un liderado que nos tocou aos alcaldes trasladado desde a Xunta de Galicia, aínda que non estabamos preparados para el. Ao final fíxose un bo traballo grazas aos empregados municipais e técnicos que puxeron da súa parte para facer levadeira a situación.

-Foz é un concello turístico e as medidas que se tomaron de cara á hostalaría e ocio nocturno, considera que o número de persoas e aforos en locais debe reducirse?

Cremos que se criminalizou ao sector da hostalaría desde o 2020. Isto puido verse cando os principais focos de contaxio viñan de festas privadas e malos comportamentos por parte dalgúns individuos. Que fixemos desde o Concello? Primeiro, en canto fora posible permitir máis espazo para as terrazas co mesmo número de mesas. Por iso debo dicir que en Foz houbo unha grande responsabilidade por parte dos e das hostaleiras. A preocupación para nós está nos botellóns, nas grandes reunións de non conviventes asociadas ao verán. Por iso reforzamos os horarios do servizo da Policía Local con saídas nocturnas en coordinación coa Garda Civil. Todo isto para evitar as malas praxes e pedir civismo ás persoas.

Durante a pandemia axudouse ao grupo de persoas desempregadas durante o confinamento, moitas delas familias sen recursos

-Economicamente, en que situación están as diferentes áreas do sector primario?

Desafortunadamente eses sectores perderon moito peso dentro da economía local, trasladando boa parte do tecido económico aos servizos. Outro sector como é o alimentario, continuou o traballo e non sufriu tan duramente as consecuencias da COVID. Dentro do sector da construción estanse a demandar máis vivendas unifamiliares, porque a xente busca espazos para vivir de maneira máis tranquila, por iso digo que se nota un repunte na construción. E aínda que hai unha crise económica, temos que saber ver novas oportunidades como é o despregamento da fibra nas nove parroquias de Foz. Isto sería unha oportunidade para as persoas que teletraballan e buscan un espazo tranquilo para facelo ademais de ser unha boa opción para asentar poboación.

-A efectos servizos, este sector ten un grande despregamento no verán, mais como se implementa a economía o resto do ano?

Hai un número importante de persoas que traballan en Alcoa, por iso vivimos con preocupación os acontecementos arredor desta factoría e a súa venda. A multinacional non dá vendido poñendo diferentes escusas. É necesario que entre unha nova firma cun proxecto industrial de futuro garantido pola SEPI, algo que queremos todos. Tamén debemos ter en conta o sector pesqueiro. Agora non temos tantos barcos, mais hai xente que se traslada a Burela para ir traballar. Debemos ter en conta que a comarca da Mariña é como unha cidade liñal onde podemos movernos dun lado a outro. No noso polígono temos empresas dedicadas ao comercio de peixe e outras máis de diversos sectores. É dicir, hai un sector industrial que non podemos deixar de lado porque pensar en Foz vivindo só do turismo sería un erro.

A preocupación para nós está nos botellóns, nas grandes reunións de non conviventes asociadas ao verán

-O turismo vai ligado ás praias e ás rías de Foz e de Fazouro. Que accións teñen previstas para o mantemento destes dous espazos?

Temos un problema desde hai anos que é a falta de capacidade da EDAR de Foz para facer fronte a todas as augas residuais. Nese sentido estase a traballar con Augas de Galicia para a construción dunha nova EDAR. Cremos que é unha infraestrutura necesaria e por iso procuramos a axilización de todos os trámites. Hai poucos días chegou a aprobación do estudo de impacto ambiental referido ao anteproxecto. Esperamos que nos vindeiros anos xa teñamos unha infraestrutura demandada por moitos anos. A depuradora de Fazouro en momentos puntuais pode dar algún problema puntual. Con todo, a cuestión máis importante está no casco urbano, por tanto buscamos construír unha nova EDAR nesa área e a actual derrubala. Todo isto pensando na Rede Natura 2000 que inclúe á ría de Foz.

-Cal é a avaliación que fai das comunicacións terrestres do Concello?

Temos unha demanda que é a autovía que vertebre a Mariña co resto de Galicia, cousa que se relegou cando desviaron a A-8 cara a Vilalba. Iso ía ser a Autovía do Cantábrico. Agora mesmo fálase do Corredor do Cantábrico para ir pola costa, unha parte depende da Xunta e outra do Estado. As dúas partes xa levan moito tempo paradas e necesitamos esa vía para vertebrarnos. En Foz estamos máis próximos á A-8, polo que non sufrimos tanto esa falta de vertebración o que non quita a súa imperiosa necesidade. Estamos traballando co Ministerio de Transporte nun terceiro acceso ao centro de Foz que desconxestionaría de tráfico as dúas principais avenidas da vila. Por outra parte, estamos rematando o plan de mobilidade sustentable e queremos unha planificación ordenada e primando o desprazamento a pé e en bicicleta.

Hai un número importante de persoas en foz que traballan en Alcoa, por iso vivimos con preocupación os acontecementos arredor desta factoría e a súa venda

-Vostede ten competencias sobre a área de construción. Vanse levar adiante proxectos de vivenda protexida ou de axudar no acceso de familias a un fogar?

Hai anos que non se constrúe vivenda social, se se realiza nun futuro, esperamos contar coa Xunta de Galicia para a creación dun novo parque deste tipo de vivenda. O obxectivo desde logo é facilitar o acceso aos máis novos e o asentamento de poboación. Por outra parte, aínda que os prezos son altos, en Foz non o son tanto como noutros lugares. Tamén está a transmisión familiar de vivendas de xeración en xeración, polo que o problema non é tan acuciante como noutros lugares. Tamén se debería facer de acordo co PXOM, facilitar as licenzas necesarias, ademais de completar os esqueletes de vivendas sen rematar. Sobre isto último debemos facer presión para que as construcións non queden incompletas afeando a vila e creando problemas de seguridade.

Estase a traballar con Augas de Galicia para a construción dunha nova EDAR

-Vostede forma parte do PSdeG-PSOE. Como sinte o ambiente antes dos próximos congresos autonómico e provincial do partido?

Cando se inicie o proceso congresual marcarase un camiño porque afortunadamente, dentro do PSdeG-PSOE temos un debate moi vivo, cousa que nos diferenza doutros partidos. Ao final o que marcan son as ideas e ideoloxías coas que todos estamos en sintonía. Desde logo o que necesitamos e unha viraxe en Galicia. Hai que abrir xanelas, ventilar o que leva anos con malas práxes e hábitos que se ve día a día nunha falsa “boa xestión”. A persoa elixida será o mellor candidato para Galicia.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here