O alcalde de Foz pide comunicar “calquera pequena pista” sobre a desaparecida aos axentes

Un helicópero súmase á busca da muller con Alzheimer desaparecida en Foz.

Helicóptero da Garda Civil. AXM

Un helicóptero da Garda Civil participa por aire este luns na procura da muller de 69 anos de idade que padece a enfermidade de Alzheimer desaparecida desde a tarde do domingo 3 de outubro no municipio de Foz.

Segundo informaron fontes do dispositivo a Europa Press, este luns, ademais da aeronave, efectivos de Protección Civil de Foz e voluntarios procederon a inspeccionar a zona onde hai unha canteira, así como pistas de monte sinaladas por cazadores, onde hai buracos por se se podía caer nalgún.

Ademais, na xornada deste luns o operativo de rastrexo céntrase en volver buscar en pistas na zona onde desaparecera a sexagenaria “cara ao alto”, engadiron as mesmas fontes. A semana pasada operarios municipais e de Protección Civil realizaron rozas en zonas de monte tupidas na área na que se localizou o pantalón e un cueiro da muller desaparecida o domingo día 3. Ademais, patrullas da Garda Civil rastrexaron o bordo do litoral e veciños revisaron en varias xornadas cunetas e arredores.

En días pasados, así mesmo, empregouse un helicóptero, un dron con cámara térmica e cans que rastrexaron a zona desde o denominado punto cero no que se acharon as únicas pistas da desaparecida ata a data. Tamén mergulladores da Garda Civil inspeccionaron o Río Ouro, todo iso con resultado infrutuoso.

COMUNICAR “CALQUERA PEQUENA PISTA”

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, pide a quen teña “calquera pequena pista” sobre a muller coa enfermidade de Alzheimer de 69 anos desaparecida desde o pasado domingo 3 de outubro que o informe á Garda Civil ou Policía Local.

O rexedor admite que o rastrexo “é difícil, complicado”, ao “non dispor de ningunha pista desta veciña”. “Séguese procurando buscala, non cos medios que había ao principio, e si que agradecemos que calquera persoa que teña unha pista, ou que teña algún indicio, póñanse en contacto coa Garda Civil ou coa Policía Local. Calquera pequena pista poden ser esclarecedora”, demandou.

Cajoto sinalou que “despois de tanto tempo, xa non se sabe onde buscar, non se sabe onde mirar porque foron moitas as zonas peiteadas, á parte do monte, camiños, non só cara Fazouro, senón cara Cordido, cara Nois, cara Forxán, en todas as direccións, peiteando o río e peiteando a costa”.

En canto á familia desta muller desaparecida que responde o nome de Maruxa, o alcalde de Foz recalcou que “é complicado, despois de pasar tantos días a familia segue en estado de shock”. “Non atopala é desesperante, cando todo indicaba que sería relativamente sinxelo porque nalgunha outra ocasión desaparecía e atopábaa a propia familia”, constatou.

Así mesmo, Cajoto incide en que os seus familiares “seguen sen asimilar a noticia, do mesmo xeito que todos os veciños de Fazouro que coñecían ben a Maruxa”. “Todo o mundo está conmocionado porque non hai ningunha noticia despois dunha semana xa é moi difícil asimilalo“, concluíu.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here