-Cando naceu Maremasma confiabades no futuro desta iniciativa?

Maremasma naceu dunha idea de catro amigos que cando acabamos os estudos, non encontrabamos traballo do noso. Daquela eu traballaba noutra escola de surf e así vin o potencial que tiña esta zona tanto en aventura como medioambiente e o turismo activo. Non había ningunha empresa que traballase ese mercado neste lugar. Tiña un compañeiro que daba aulas de vela en Foz, outro compañeiro era biólogo e con iso puidemos traballar o tema de medioambiente a través dos colexios sobre todo durante estes meses de inverno. Iso fixémolo para diversificar un pouco a oferta porque en inverno non podes dar aulas de vela ou actividades acuáticas. Así foi como se creou Maremasma, xuntamos unha escola de surf, as aulas de vela no Náutico de Foz para os cativos e logo montamos unha escola de mergullo onde damos títulos náuticos. Ademais, así tamén aproveitamos para explorar toda esta área da costa onde fomos dando con sitios de interese. O segundo ano creamos rutas náuticas á praia das Catedrais con marea alta. É unha actividade punteira en que destacamos nesta área, porque esta actividade non precisa de habilidades especiais.

-En total, canto tempo levades con Maremasma?

Pois xa levamos sete anos porque comezamos no 2014. Comezamos catro socios aínda que hoxe en día somos tres. Logo no verán podemos contratar mesmo doce persoas que son sobre todo monitores. Tamén hai que dicir que é difícil encontrar xente para este traballo, pois son postos moi específicos, moi especializados. Hai que ter nocións básicas do mar para interpretalo, describir unha situación no mar.

-E o nome de Maremasma?

É unha contracción entre mar e o río Masma, os lugares onde realizamos as nosas actividades. Maremasma é a tenda mentres que Gamus é a marca. O nome da última vén de “gamusino” que aquí na ría de Foz é como lle chaman ao cangarexo de río, os que se usan para pescar como carnada en anzó.

Maremasma naceu dunha idea de catro amigos que cando acabamos os estudos, non encontrabamos traballo do noso

-Como realizades esa travesía?

Saímos de Porto Chico en Foz, o punto máis ao pé da praia da Rapadoira, onde temos as nosas instalacións na praia de Tupide. Para contactar con nós pódese facer a través da web, teléfono ou empresas externas que organizan a actividade e nós poñemos hora e día para levar adiante a actividade, se o tempo o permite. O traxecto pode durar unha hora ou hora e media, depende da ruta que escollamos.

-Cal é o público que vén aprender vela e surf?

A escola de surf está aberta todo o ano. Durante o inverno xa depende do tempo e ademais son rapaces da zona a quen lles gusta moito a actividade e tiran máis á competición. Durante o verán vén xente de segunda vivenda sobre todo que trae os nenos para aprender. As idades poden ir desde os cinco anos que os collemos até os vinte e tantos. Tamén está o pai que lle gusta ir co fillo. Entre os vinte e os corenta, xa son grupos que contratan o día completo con kayak pola mañá e surf pola tarde, xa traen programadas as actividades.

-Vós tirades pola sustentabilidade mediante o respecto ao medioambiente mariño?

Si, é certo. Moitos dos proxectos témolos feitos a través do Grupo de Acción Costeira, con eles queremos concienciar sobre o respecto ao mar, ao medioambiente e moito máis en canto contaminación. Son temas moi presentes hoxe por hoxe. Levamos adiante unhas campañas, en concreto unha era “Un mar de culturas”. Esta presentámoslla á Xunta e faciamos os colexios de Mariña e Ortegal que quixesen, podían apuntarse para facer actividades como limpar unha praia, observación de aves na ría de Foz e logo faciamos visitas ás redeiras, ao Barco Museo de Burela ou iamos até Cariño para ver unha antiga cetaria ou viamos como se facían barcos de madeira nunha carpintería de ribeira. Por tanto, os colexios elixían a actividade e nós organizabámola.

-O material que usades é importado ou vós mesmos preparades embarcacións ou táboas de surf?

Nós temos tamén unha vía para a fabricación de táboas de surf. Máis que para a escola facemos táboas personalizadas, todas artesanais onde as únicas máquinas que interveñen son as lixadoras. O material para facer as táboas é fibra de vidro, xa nivel experto, sen meter máquinas para darlles forma. En temas de competición, as táboas grades fágoas eu para min.

-Entón tedes unha marca rexistrada.

Si, a marca Gamus para as táboas ademais de ter unha liña de roupa como merchandising.

-Cales son os valores que queredes transmitir desde Mareamasma?

Respectar o mar en todas as circunstancias e sobre todo facemos fincapé no tema dos plásticos. Aos nenos explicámoslles que o mar non é un vertedoiro e debemos coidalo. Se nos falta o mar, faltarannos moitas outras cousas. Tentamos transmitir que podemos gozar con el mais sempre desde o respecto. Á parte, eu dou aulas de surf e nestes días temos un mar moi bravo, por iso apréndolles aos alumnos e alumnas a non infravalorar o mar, a non infravalorar o seu estado.

Durante o verán vén xente de segunda vivenda sobre todo que trae os nenos para aprender

-Supoño que nalgunha das rutas polo mar veredes baleas, arroaces, golfiños e outros animais mariños, que explicacións e recomendacións dades cando se fai algún avistamento?

Si que ás veces nos coincide de ver toniñas e golfiños comúns que navegan con nós. Sempre chama a atención e a xente gusta de estar xunto deles, tocalos mais non debe facerse. O primeiro, debemos afastarnos deles, se lles interesa serán eses animais os que se acheguen, como o golfiño común. Logo están os arroaces, que son moi independentes e se te achegas a eles xa fuxen. A grande maioría destes animais están perto da costa porque están comendo.

-Tedes colaboracións con outras empresas?

Si, sobre todo con empresas de turismo de aloxamento que nos chaman para facer packs con eles, aloxamento máis actividades. Tentamos desestacionalizar as actividades porque ao final o verán son dous meses cheos de actividade. Non obstante, agora buscamos ampliar de setembro a novembro ou os meses da primavera. Tamén durante o verán o mar aquí é algo bravo, por iso estamos observando as predicións.

Tentamos transmitir que podemos gozar co mar mais sempre desde o respecto

-Dentro dun futuro máis próximo tedes pensado facer rutas por terra ou abrir outras novas por mar?

Xa facemos rutas por terra e ultimamente facemos rutas de sendeirismo por Mondoñedo e están funcionando moi ben. Aínda non sabemos se ampliar o número de actividades, mais si temos previsto explotar máis as rutas que temos.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here