InicioCentralFozA reforma da Rúa Limoeiros de Foz será en dúas fases e...

A reforma da Rúa Limoeiros de Foz será en dúas fases e coa colaboración da Deputación de Lugo

O rexedor municipal, Fran Cajoto, avanza que “queda moito traballo por facer e a intención do Concello é poñernos ao día, que cada vez Foz sexa máis atractivo para as veciñas e veciños, máis cómodo para vivir”.

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Foz deu inicio ás obras de reforma da rúa Limoeiros. Con case 58.000 euros de orzamento con cargo ao Plan Único 2021 da Deputación, os traballos pódense dividir en dous tramos. As obras comezaron con tarefas de demolición entre Paco Maañón e a Congostra do Cura, onde a renovación será total, pasando de ser unha rúa con rego asfáltico e beirarrúas sen accesibilidade a unha plataforma única de formigón impreso ao mesmo nivel, con acceso limitado a residentes. Ademais, neste tramo disporase unha nova varanda de protección, un colector de pluviais de PVC para avanzar na rede separativa e renovarase o abastecemento e outras tubaxes onde sexa preciso. No tramo entre a Congostra do Cura e a Rúa do Porto mellorarase o firme con aglomerado en quente e disporase nova sinalización, nun viario que pasará a ser dun único sentido de circulación.

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, móstrase satisfeito cunha obra moi demandada nunha rúa “á que lle facía moita falta. Estamos traballando por mellorar o viario municipal, no casco urbano e nas parroquias. Esta rúa, moi céntrica e utilizada, presentaba un deterioro moi importante. Estamos a primar os accesos peonís en cada obra que facemos, tal e como actuamos na rampla do asilo e como veremos nas beirarrúas ao cemiterio, na Costa do Castro, que comezará en pouquiños días”.

O rexedor municipal avanza que “queda moito traballo por facer, xa que as infraestruturas de Foz estaban moi deterioradas e a intención do Concello é poñernos ao día, facer pobo, que cada vez Foz -todo o territorio- sexa máis atractivo para as veciñas e veciños, máis cómodo para vivir”.

Fran Cajoto engade: “xa o fixemos no 2020, continuamos no 2021 e seguiremos no 2022, primando investimentos naquelas necesidades máis urxentes. Se lle fixeramos caso ás esixencias do Partido Popular non poderiamos acometer a reforma da rúa Limoeiros: no 2020 e no 2021 o voceiro do PP pedía que dedicáramos o Plan Único a axudas a fondo perdido. Sempre cremos que a mellor forma de axudar é o investimento: en eventos, en cultura, na mellora de servizos, na mellora de infraestruturas. Este ano 2022 o PP xa mudou o discurso, porque lle interesa. Nós seguimos, con seriedade e honestidade, co plan de goberno marcado. Do Plan Único do 2022 134.000 euros van destinados á mellora de distintas rúas da vila e 136.000 a viais en seis parroquias. Ademais con 49.000 euros de fondos do Agader e o IVE, que aportará o Concello, melloraremos dous viais no barrio do Chao, en Santa Cilla, e outro en Mourente San Martiño. Coas baixas das obras adxudicadas -que curiosamente e de forma inexplicable antes non existían- puidemos aglomerar a rúa da Báscula, o Camiño da Cadra e camiños en Vilaronte e en Nois, por exemplo. Seguiremos traballando nesta liña”.

O Concello de Foz pide desculpas a veciñas e veciños da rúa Limoeiros e a todos os usuarios dese vial polas molestias que se lles van causar durante a execución dos traballos.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...