InicioCentralFozO Plan de Mobilidade de Foz será presentado este venres polo goberno...

O Plan de Mobilidade de Foz será presentado este venres polo goberno local

O Concello de Foz avanza tamén noutro documento técnico, a actualización do rueiro, financiado con cargo ao Plan Único 2021.

Publicada o

- Advertisement -

O goberno municipal de Foz continúa co traballo en distintos plans e documentos que son fundamentais para o Concello. Tal e como informou o alcalde, Fran Cajoto, no anterior pleno da corporación municipal, o Concello programou unha presentación para este venres 18 na Casa da Cultura ás seis da tarde, aberta a todas as veciñas e veciños, para expoñer ao público o Plan de Mobilidade, que se encontra en fase de alegacións pois é un documento marco que pode ser susceptible de melloras.

O rexedor municipal explica que “a empresa contratada contou coa colaboración de todos: veciñas e veciños de a pé, asociacións veciñais, departamento de urbanismo e Policía Local e os distintos partidos políticos. O resultado é un documento de desenvolvemento estratéxico do concello, no que se fomentan formas de desprazamento sostibles -camiñar, bicicletas e transporte público- e se racionaliza o uso do vehículo privado. É un documento fundamental para empezar a casa polos cimentos e facer as obras con criterio, pensando nas consecuencias. Todos sabemos os atascos e problemas de tráfico que causou no anterior mandato a decisión de dispoñer a rúa Álvaro Cunqueiro e a Avenida da Mariña no mesmo sentido de circulación. O Plan de Mobilidade estuda e planifica a vila e o concello no seu conxunto: a urbanización da rúa Costa do Castro e a reforma en Limoeiros estanse a facer xa contando co Plan de Mobilidade. Apostamos por un Foz respectuoso e ordenado”.

RUEIRO

O Concello de Foz avanza tamén noutro documento técnico, a actualización do rueiro, financiado con cargo ao Plan Único 2021. “Todos sabemos dos problemas que se producen no servizo de Correos e de paquetería en moitas vivendas do noso concello: é por iso que se está avanzando na actualización do rueiro, pasando do formato papel ao dixital e deixando a previsión de numeración naqueles solares pendentes de edificar. É un traballo complexo e pode haber erros. É por iso que tamén se pide a colaboración das asociacións de veciños e dos partidos políticos, para que podan analizar o traballo feito ata o de agora e detectar aqueles fallos que se puideron cometer. Neste caso avanza o alcalde a reunión está programada para o vindeiro luns, 21 de marzo. Nunha fase posterior serán as veciñas e veciños as que lle poñan nome a aquelas rúas que non o teñen, en base a unha serie de propostas”, anuncia o alcalde.

Fran Cajoto engade: “estamos certamente sorprendidos pola forma de oposición do Partido Popular de Foz, que reclama aquilo que xa está en marcha ou que está programado para un corto espazo de tempo. Pero, en definitiva, tamén estamos satisfeitos porque o Partido Popular recoñece as xestións que facemos día a día. Seguimos traballando nun pobo planificado, pero tamén nun pobo máis limpo e cos xardíns mellor coidados: avanzamos, pero aínda nos queda moito para acadar os obxectivos”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...