InicioCentralFozA concelleira de Facenda de Foz: "O PP decepciona espallando desinformación"

A concelleira de Facenda de Foz: “O PP decepciona espallando desinformación”

Inés López Couto recórdalle ao PP que “os concellos non gastan, invisten na mellora das vidas das súas veciñas e veciños. Aforrar nun concello si que é unha política de vergoña".

Publicada o

- Advertisement -

A concelleira de Facenda en Foz, Inés López Couto, manifesta que “a falta de atención do voceiro do PP en Foz provoca que emita xuízos de valor que transmiten informacións erróneas aos veciños do municipio. O Partido Popular decepciona, espallando desinformación, con falta de rigor e respecto aos cidadáns”.

Inés López explica que “esta falta de atención sucede debido á súa pouca dilixencia nos asuntos municipais, xa que non acude no seu labor como concelleiro ás sesións da comisión de asuntos preparatorios do pleno cando é a súa obriga, xa que foi designado polo seu grupo para facelo, e no seu troque teñen que cubrilo os seus compañeiros. Esta desatención aos seus labores fai que envíe notas de prensa apresuradas sen coñecer debidamente os expedientes dos que fala e sen escoitar aos técnicos municipais, que informan sobre os asuntos a tratar nas sesións, ás que non acude. Non debe en ningún caso enganar á poboación pola falta de rigor nas súas afirmacións”.

A edil de Facenda recórdalle ao voceiro do PP que “os concellos non gastan, invisten na mellora das vidas das súas veciñas e veciños. Aforrar nun concello si que é unha política de vergoña. Segundo a teoría do Partido Popular, o anterior equipo de goberno, que deixou caducar a concesión de auga e preparou con ningunha anticipación e menor implicación aínda o prego para a concesión do servizo de abastecemento, deixou o traballo feito, pero ese traballo non tiña en conta o novo servizo de depuración co que contará o concello cando entre en funcionamento a nova depuradora. Iso levou a que os servizos tiveran que modificar os pregos para traballar con perspectiva de futuro e non mirando cara o pasado. En ningún caso é un derroche que a veciñanza conte co servizo de auga nas súas vivendas, polo que cumpriremos cos pagos e defenderemos sempre os intereses da veciñanza”.

López Couto engade que “o que si que non debe volver permitirse é que o Concello non defenda os intereses dos seus veciños no xulgado e non loite porque as condicións sexan o máis xustas, como se fixo”.

En canto aos recoñecementos extraxudiciais, a concelleira explica que “non dependen de ter maiorías ou non; afirmar iso só indica que quere defenderse de anteriores anos nos que o seu goberno superou os 800.000 euros con estes procedementos”. E aclara que “moitas das facturas incluídas neste expediente contaban con crédito axeitado e suficiente nas partidas orzamentarias polo que se pagarán con cargo a elas. Somos autocríticos e buscamos sempre a mellora polo que reforzaremos o servizo de Intervención con dous novos técnicos nos próximos días, para mellorar o traballo e que os expedientes poidan saír de forma máis áxil”.

En canto ao Servizo de Axuda no Fogar, Inés López manifesta que “quen debería explicar por que de novo o deixou caducar é o voceiro do Partido Popular xa que é outro dos contratos que caducou no seu mandato e do que nin sequera foi capaz de abrir un expediente, moito menos de comezar ningún trámite relativo ao mesmo. Se temos que falar de contratación e transparencia só daremos dúas cifras: contratos publicados nesta lexislatura, máis de 130; e durante oito anos de goberno do PP, menos de 10. Iso é rigor e traballo”.

“En conclusión pedimos máis seriedade e traballo cando se trata dos asuntos municipais e menos desinformación aos veciños porque o único que se dana é á propia cidadanía”, finaliza a concelleira de Facenda.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...