Esixen a Sanidade que aumente a dotación de persoal no Centro de Saúde de Foz

O BNG focense sinala que durante a pandemia e nas sucesivas ondas que o Centro nunca recibiu ningún reforzo, mesmo para a realización dos estudos epidemiolóxicos en relación coa infección por coronavirus.

Centro de saúde de Foz. GOOGLE MAPS

O BNG de Foz sinala que lamenta que o SERGAS continúe “coa deixadez no centro de Saúde de Foz”. Segundo os nacionalistas, o persoal de todas as categorías continúan traballando “cun sobresforzo difícil de imaxinar, por mor das reiteradas e inadecuadas coberturas das ausencias nin dos sanitarios nin dos PSX, e a non reposición da xubilación do persoal auxiliar de enfermaría”.

O BNG focense sinala que durante a pandemia e nas sucesivas ondas que o Centro nunca recibiu ningún reforzo, mesmo para a realización dos estudos epidemiolóxicos en relación coa infección por coronavirus. “No medio da quinta onda e inicio de tempada estival en 2021, por vez primeira en 15 anos a Consellería de Sanidade decide non incorporar persoal sanitario (nin facultativo nin DUE) para desprazados” sinalan. A isto enganden as ausencias programadas que non se cubren.

Por outra parte, engaden que desde aquela a situación “non mellorou nada e as ausencias continúan sen cubrirse, motivando que mesmo o persoal se dirixise en sucesivos escritos ao SERGAS demandando a cobertura do cadro de persoal, sempre sen resposta”.

Ademais, o BNG focense demanda unha cobertura acaída das urxencias sanitarias de tarde, a reposición das xubilacións, a cobertura das baixas, das reducións de xornada e a incorporación do segundo TES no transporte urxente. A isto súmanlle unha axeitada planificación dos permisos dos profesionais especialmente coa inminencia da tempada estival.

Finalmente, reclaman a creación da praza de DUE especialista en obstetricia e xinecoloxía, proposta aprobada por unanimidade a instancias do BNG en 2017 e novamente solicitada e aprobada en 2021. E tamén reclaman a cobertura das prazas de fisioterapia dada a derivación continua a centros concertados do Concello e da Mariña.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here