InicioEn ProfundiadeRocío López, alcaldesa de Lourenzá: "O eucalipto deu moitos ingresos en pouco...

Rocío López, alcaldesa de Lourenzá: “O eucalipto deu moitos ingresos en pouco tempo pero teremos que ir cambiando algunhas cousas no sector”

Rocío López é alcaldesa de Vilanova de Lourenzá polo PSdeG-PSOE. Encabeza a corporación dun concello que fai transición entre a costa e o interior da provincia de Lugo, cousa que lle outorga unha posición de nó entre dúas áreas diferentes. Cunha tradición monumental histórica, Lourenzá non quere perder as oportunidades que poden abrir tanto as novas iniciativas agrarias como industriais. Un reto inmediato, celebrar o Día das Letras Galegas coa figura de Fernández del Riego, fillo predilecto do Concello.

Publicada o

- Advertisement -

-A aparición da COVID debeu frear moitas das iniciativas programadas para esta lexislatura. Como afrontaron primeiro a aparición do virus e o confinamento e logo as diferentes restricións?

A COVID foi un traballo arduo en concellos pequenos como o noso, pois en moitos casos non tiñamos os medios suficientes para afrontar a pandemia. Con isto non quero dicir que se desatendesen elementos como a atención no fogar a persoas maiores, dígoo pensando na dispersión poboacional, pois esta non supuxo ningunha dificultade para atender aos e ás usuarias. Nese sentido, tentamos reforzar o servizo de axuda no fogar mesmo para axudar a persoas que non podían nin achegarse ao supermercado. Por iso quixemos facilitarlles toda a subministración e calidade de vida posibles. Logo outras cuestións como a desinfección foron puntos que debemos ir aprendendo paso a paso, pois era totalmente descoñecida para nós. Con todo, o certo é que foi algo duro, mais sumado esforzos sempre se consegue avanzar.

-En relación coa sanidade, están a favor da reinstauración da área sanitaria propia para A Mariña?

Unha área sanitaria propia dábanos unha certa autosuficiencia e non depender de Lugo. Por outra parte, en relación á atención máis directa nos concellos, coa pandemia instalouse a consulta telefónica, sobre isto, os veciños transmiten a sensación de trato máis frío ou distante, mais agora pouco a pouco se vai recuperando.

-Lourenzá é unha parte do nó de transición entre a costa e a montaña que precede á Terra Cha. A construción de infraestruturas de comunicación que sobrepasaron a capitalidade, Vilanova, trouxo algún tipo de baixa en canto movementos económicos e poboacionais?

Eu sempre digo que partimos dunha boa situación por estarmos moi ben conectados co interior da provincia e coa costa. A creación de infraestruturas como a A-8, quizais nos puidese ter afectado algo máis e aínda así non reflicte unha perda de actividade ou de visitantes. Por iso digo que non nos afectou a construción de infraestruturas máis grandes. Somos un concello pequeno que non perdeu dinamismo porque cada ano recibimos un grande número de visitantes e a situación do comercio local reflicte agora mesmo unha boa situación.

Coa COVID reforzamos o servizo de axuda no fogar para axudar a persoas que non podían nin achegarse ao supermercado

-Esta posición entre montaña e costa debe influír no momento de planificar novas vías de comunicación. Lourenzá vai pedir apoios ás outras autoridades para a mellora ou ampliación das redes de comunicación locais?

O que lles pedimos ás outras autoridades é que manteñan en bo estado a rede de infraestruturas de comunicación.

-Por outra parte, sendo un concello rural, existen iniciativas que animen ao asentamento ou fixación de xente nova dentro das áreas rurais?

O esencial nese punto é mellorar servizos, pois no rural debes ofrecer case o mesmo que nas cidades, mais eu sempre poño en valor elementos distintivos como son máis tranquilidade ou máis natureza e iso debes reforzalo con prestacións a maiores, pois a xente que chega agora ao rural quere vivir tranquilo e moito máis agora despois desta pandemia. Isto significa non quedar atrás en varias cuestións como por exemplo a fibra para Internet. Agora mesmo estámola despregando en todas as parroquias e creo na importancia deste punto porque permitirá teletraballar. Agora mesmo a cobertura de Internet non é boa para traballar con garantías. Outra aposta é a mellora de infraestruturas como son os camiños, estradas locais e todo para facilitar a calidade de vida dentro das zonas rurais.

Unha área sanitaria propia dábanos unha certa autosuficiencia e non depender de Lugo

-Como conseguen manter un legado como é o Mosteiro de San Salvador, que é un elemento case definitorio de Vilanova de Lourenzá?

Certamente estabamos preocupados polo mantemento do mosteiro porque era evidente o deterioro do edificio. O bispado fixo un cambio na cuberta de maneira rápida porque se esperabamos parte das fachadas caesen. É unha cuberta puntual e esperamos que con apoio de Patrimonio da Xunta, dentro de catro anos se materialice un proxecto cunha cuberta de lousa. Iso é o que máis nos preocupa, rehabilitar e recuperar esa construción para darlle novos usos. O certo é que co teito actual esperamos poder recuperar as visitas ao claustro do mosteiro que antes non se podía facer polo perigo de derrubo. Dito isto, insisto en que traballaremos co bispado e Patrimonio para a recuperación de San Salvador.

-O sector agrario ten unha importancia relevante en Lourenzá. Cales son pasos que vai dar co Concello de cara o fortalecemento do sector e a posibilidade de instalación de novas industrias gandeiras?

Certamente entre os eixos fundamentais da nosa economía están a gandería, a agricultura e o forestal. Dentro da agricultura destaca o cultivo da faba e desde o Concello estamos dándolle unha proxección a este produto non só en relación coa Festa da Faba no primeiro fin de semana de Outubro. Queremos ir máis alá, por iso estamos sempre en busca activa de novas axudas para este produto, por iso estamos traballando conxuntamente coa Cooperativa e coa IGP de Lourenzá. Sobre a gandería levamos a pleno a exención do IVE para explotacións segundo que casos. Iso poden ser pequenas axudas que se lle poden ir dando. Buscamos que a faba non sexa só un ingreso complementario para as familias senón que se vexa como unha actividade principal e así a xente nova entenda que pode ser a actividade principal para desenvolver un proxecto agrario.

A creación de infraestruturas como a A-8 quizais nos puidese ter afectado, aínda así non hai unha perda de actividade ou de visitantes

-Fixándonos na silvicultura, a moratoria do eucalipto está acelerando a plantación desta árbore en áreas onde antes non estaba?

O eucalipto foi unha fonte importante de ingresos para moitas persoas porque dá resultados nun período de tempo curto. Non obstante, teremos que ir cambiando algunhas cousas no sector.

-Buscan a atracción de empresas que non teñan unha relación directa co sector agroforestal?

Sobre o desenvolvemento industrial temos aprobado recentemente no pleno a incorporación ao Concellos Doing Bussines. Esta iniciativa implica unha redución nos impostos como o I.B.I., para empresas que se instalen en Lourenzá. Ese é un grande incentivo para as empresas, obviamente elas terán que cumprir unha serie de compromisos como é a contratación de persoal.

En relación con Fernández del Riego, creamos unha audioguía coa Mancomunidade da Mariña para que o visitante faga un percorrido sobre a súa vida

 

-Cales son os principais atractivos naturais de Lourenzá para a potencianción do turismo interior?

O principal reto que temos por diante moitos concellos é desestacionalizar o turismo, as visitas durante todo o ano. Dentro do noso patrimonio natural destacaría a Ruta da Faba, unha iniciativa privada coa que colabora o Concello xunto co Restaurante Forno de Tobar. É unha ruta única e grazas a ela poden ver como é proceso desde a semente á chegada á mesa. Para min é un dos maiores atractivos naturais que ten Lourenzá agora mesmo.

-Existen eixos de consenso entre os diferentes grupos da corporación municipal?

Desde todos os grupos municipais creo que vai por diante o benestar dos nosos veciños e veciñas. Hai pouco aprobamos por unanimidade no pleno solicitarlle á RAG que se lle dedique o Día das Letras Galegas a Francisco Fernández del Riego, fillo predilecto deste concello. Isto demostra que en cousas de grande interese para a municipalidade os grupos da corporación poden estar en consonancia. Tamén sobre a reparación do mosteiro creamos unha mesa de traballo, pois creo que debe ser un acordo dos tres grupos municipais pois é un sentir de todo o concello.

Incorporámonos a Concellos Doing Bussines que implica unha redución nos impostos como o I.B.I. para empresas que se instalen en Lourenzá

-Sobre a candidatura de Fernández del Riego teñen preparado algunha actividade para darlle un pulo de cara ao 17 de mai de 2022?

Non temos aínda nada deseñado, mais pensamos que ten merecida esa homenaxe. Tampouco é a primeira vez que se solicitou a súa candidatura, xa se pedira o ano pasado. Esperamos que se converta nunha realidade, se é así tentaremos preparar todos os actos para un ano. Tamén en relación con Fernández del Riego, creamos unha audioguía coa Mancomunidade da Mariña para que o visitante faga un percorrido escoitando sobre a vida de del Riego nestas terras.

-No ecuador da lexislatura, cal é o reto que queres ver cumpridos e aínda non se cumpriu?

Hai moitos retos que quixera ver rematados. Con todo, ver rematadas as obras no mosteiro de San Salvador, gustaríame velo cheo de actividade e rehabilitado, porque é a meta máis importante que creo temos todos os lourentinos.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...