InicioCentralLourenzáLuís Graña, Proba de Orientación de Lourenzá: "a competición está orientada de...

Luís Graña, Proba de Orientación de Lourenzá: “a competición está orientada de cara á iniciación de nenos e adultos”

A II Edición da Carreira Popular Popular de Orientación Concello de Lourenzá celebrarase o domingo 13 de marzo. Esta carreira de orientación consiste en realizar un percorrido con saída individual no menor tempo posible. Está organizada polo Club Atletismo Lourenzá e o Club Orientación Compás de Lugo. Falamos con Luís Graña, un dos membros da organización.

Publicada o

- Advertisement -

-Que motivacións houbo detrás do nacemento desta Proba de Orientación en Lourenzá?

Naceu pola afección dalgún corredor do clube que participaba en probas semellantes que había pola zona. Isto animounos a facer un plano da localidade de Lourenzá e así tentar organizar a primeira proba de orientación, porque nesta área hai todo tipo de carreiras agás deste tipo. Así foi como organizamos a Primeira Proba que saíu ben e a ver se sae ben a segunda.

-Cando se celebrou a primeira edición?

Foi xusto o 8 de marzo de 2020, a fin de semana anterior ao confinamento.

-O 2021 foi un ano en que os e as atletas puideron perder algo de forma para competir.

Eu sigo a web da Federación de Orientación e podo dicir que durante o 2020 xa comezaran a competir. Non obstante, a nosa proba está subdividida en tres categorías. A primeira é unha de iniciación para nenos até os 16 anos, outra de iniciación para adultos, para quen non sabe e quere aprender e logo está a de expertos ou avanzados. Estes últimos son federados para os que preparamos un circuíto máis esixente para eles. Realmente nós queremos promover este estilo de competición, que a xente se anime a participar nunha proba onde gaña quen sabe interpretar un mapa e vai encontrando as balizas. A competición está orientada de cara á iniciación de nenos e adultos mais tamén temos ese percorrido para deportistas con máis experiencia.

-En que consiste unha proba de orientación?

Realmente é encontrar unha serie de balizas colocadas en puntos con certa dificultade, non moita. Na saída é cando se lles entrega un mapa e na categoría de nenos deben encontrar 12 balizas e na de adultos 15 e na competición de expertos son 21 balizas. No mapa están marcados os diferentes puntos, deben ir pasando por orde dun punto a outro, sen poder saltar ningunha. Tanto a baliza como a persoa que compite teñen uns dispositivos electrónicos, a persoa pasa o seu dispositivo como se fose un lector e iso sinala o seu paso por aquel lugar. Quen menos tempo bote facendo o percorrido é quen gaña. Se saltas unha ou se fas unha antes ca outra, é un fallo e quedas descualificado. Por tanto, para persoas que comezan é mellor velo como un xogo.

A competición está orientada de cara á iniciación de nenos e adultos mais tamén temos ese percorrido para deportistas con máis experiencia

-Para participar en Lourenzá hai que estar federado ou apuntado a un clube deportivo?

Non, xa che digo, esta proba está deseñada para todo o mundo e así coñecer como é a orientación. As persoas federadas teñen a súa proba estipulada e quen vai por primeira vez non ten necesidade de federarse. Noutras carreiras de orientación si se esixe estar federado, mais insisto, a nosa proba é para todo o mundo e temos seguro de accidente e seguro de responsabilidade civil. Quen comeza e non sabe pode facelo camiñando ou correndo. Na primeira proba houbo moita xente que o tomou como un xogo.

-Nas competicións profesionais hai roupa ou calzado específico?

Non, realmente é moi semellante ao running normal, podes levar unha chaqueta para abrigar, porque este deporte é como un híbrido de running e trail. Así, dependendo do tempo que faga, a xente pode ir máis ou menos abrigada, pode levar calcetíns máis ou menos longos pola vexetación.

-Entre os competidores infantís son só dos centros de Lourenzá ou veñen doutros lugares?

Non, non, pódese apuntar quen queira veña de onde veña.

Quen menos tempo bote facendo o percorrido é quen gaña

-Organizades esta competición o Clube de Atletismo de Lourenzá e o Clube de Orientación Compás de Lugo. Como se realiza esta competición?

Nós somos os promotores e o Clube Compás ten o material para poder realizar a proba, as balizas e os lectores de código. Na primeira edición fixémolo co Clube Fluvial de Lugo, que ten unha sección de orientación, dese clube houbo un grupo de persoas que crearon despois o Clube Orientación Compás. Falamos con eles, dixeron que si e andaron polas rúas de Lourenzá para actualizar os mapas.

-Hai que levar brúxula?

Non é necesario, mais quen queira usala pode facelo sen problema.

-O mapa entrégase o mesmo día ou uns días antes de competir?

Non, entrégase xusto no momento da saída. As saídas son escalonadas, no noso caso abren ás 10:30 até as 12:00 e segundo van chegando váiselles entregando o mapa. Podo ir ás 11:30, coller o mapa e xa me pican o crono. Hai probas en que si saen todos ao mesmo tempo.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...