A cova do Rei Cintolo, o lugar onde se xuntan misterio, historia e ciencia

A Cova do Rei Cintolo, en Mondoñedo, é un lugar onde conflúen as investigacións xeolóxicas e arqueolóxicas. Aínda así, pouco se sabe sobre este lugar en canto se foi habitado ou non en diferentes períodos históricos e o máis rechamante, non se ten certeza sobre a orixe do nome deste lugar.


A cova do Rei Cintolo está ubicada na parroquia de Argomoso, Mondoñedo e é un dos atractivos que ofrece este municipio ademais do seu patrimonio histórico no centro da vila. Este fenómeno xeolóxico comezou a ter sona a comezos dos anos setenta e foi só uns anos despois que o Concello decide colocar unha reixa na entrada. O expolio de estalactitas e estalagmitas, así como a presión das visitas sen control, levaron a tomar esta decisión. Co tempo acabouse formalizando un réxime de visitas que permitan unha mellor conservación dun lugar que suma aspectos históricos e científicos.

HOUBO ALGUÉN AÍ?

As primeiras investigacións arqueolóxicas datan da segunda metade do século XIX, cando José Villaamil publica en 1873 os primeiros planos desta cova, aínda que só chegou a tratar 300 metros dos 7.500 metros que actualmente se calcula é a lonxitude desta cavidade. Non obstante, en 1946 unha expedición dirixida por José Trapero Pardo encontra un puñal. Primeiramente falouse dunha orixe celtibérica da peza, aínda que estudos posteriores falan dunha orixe medieval.

Non foi até 1970 que se encontraron os restos dun ser humano que “estaba naquel en posición de arrastre, é dicir, que unha forza de auga puido levalo até o lugar onde o encontraron” sinalan desde as oficinas de Turismo de Mondoñedo. Os restos foron encadrados dentro do Paleolítico Superior, segundo os estudos realizados na Universidade de Santiago por Carro Otero.

En 2003, traballos dirixidos pola arqueóloga Rosa Villar, deron con restos pertencentes á época medieval e restos de cerámica. Tamén se encontraron restos óseos de animais contemporáneos como porcos ou cervos. “Estes restos non indican por si sós que a cova estivese habitada, o máis seguro é que fose un lugar de abrigo nun camiño por onde transitaban as persoas”, din desde Turismo de Mondoñedo. Por outra parte, preguntados sobre a posibilidade da existencia de pinturas ou deseños gravados na pedra, Turismo sinala que non hai catalogado ningún sinal de arte rupestre.

O feito é que a hipótese de que fose un refuxio nun camiño é a que ten máis forza. “A cova está nunha área de pareces verticais en Argomoso, onde os camiños eran camiños de pastoreo, esa área estaba habitada desde séculos atrás e a ruta comercial pasaba polos montes de enfronte”. As orixes do nome deste lugar descoñécense, até o punto que as teorías de que podía derivar do nome visigodo “Sautila” “quedaron descartadas por lingüístas porque non cadraba coa hipotética evolución etimolóxica.

O VALOR NATURAL DA COVA

O inverno é o momento en que se paran as visitas para permitir a ivernación e non danar a fauna que vive no interior. Entre os ocupantes naturais existen varias especies de morcegos que conviven cunha microfauna de insectos. En canto ás plantas, a máis notable é a saxisfraga, propia de terreos calizos.

A pedra caliza e a acción da auga foi o que conformou o fenómeno da Cova do Rei Cintolo. Segundo o doutor en Xeoloxía, Marcos Vaqueiro, “a erosión da caliza por augas carbonatadas produciu a disolución da pedra en áreas onde este material era máis feble”. A tipoloxía onde se pode incluír esta cova é dentro do tipo kárstico, aquelas formadas en calizas Candana no Cámbrico Inferior. A disolución da caliza é moi lenta, de aí que as estalactitas e as estalagmitas “aumenten entre 8 ou 10 milímetros cada ano” como se observou en covas do Courel.

“Non sabemos cal sería a “idade” da Cova do Rei Cintolo, como tampouco se coñece a da maioría das covas” sinala Vaqueiro. “Sabemos que a formación de estalactitas e estalagmitas é moi posterior á formación da cova, por tanto estariamos falando dun período longuísimo”. Sobre a presenza de correntes de auga, o xeólogo apunta que “pode haber un ou máis ríos dentro cun caudal reducido”. Existen áreas inundadas e a posibilidade de explorar estes lugares non é posible polo escaso espazo existente.

Sobre a preservación da cova, nos primeiros anos logo de darse a coñecer grazas a un programa de TVE, o expolio de estalactitas e estalagmitas era moi frecuente, até que se decidiu pechar o lugar. Ademais, o ingreso de grupos numerosos de persoas leva implícita a transpiración dos corpos e a creación de CO2 e a emisión de calor. “O actual sistema de visitas controladas e o peche en outono-inverno parece razoable” sinala Vaqueiro.

A Cova do Rei Cintolo demostra que o patrimonio natural da Mariña non está só na costa, senón que o interior ten os seus atractivos. Non obstante, non é este o único fenómeno natural para visitar no interior da comarca.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here