InicioCentralMondoñedoMiguel Souto, organización das Quendas: "Este ano temos unha programación axeitada ás...

Miguel Souto, organización das Quendas: “Este ano temos unha programación axeitada ás circunstancias cun grande peso da parte cultural”

As Quendas son a outra cita imprescindible en Mondoñedo para quen guste de vivir unha experiencia entre o gando, a literatura, a música e o entretemento. Miguel Souto, presidente da Asociación As San Lucas, fala con nós para describirnos como será a edición das Quendas 2022, unha vez se superou a COVID e como esta feira tivo altos e baixos durante os seus case 500 anos de historia.

Publicada o

- Advertisement -

-Como están os ánimos para a celebración das Quendas 2022?

Os ánimos témolos todos porque nós non paramos. Mesmo no 2020 fixemos un “Mondoñedo é Poesía” online. Tamén en 2020 e en 2021 celebramos as San Lucas adaptándonos ás circunstancias sanitarias, porque eramos quen tiña que decidir a continuidade desa tradición de 900 anos, o que outorga ás San Lucas ser a feira máis antiga de Galicia e de Europa, así que seguimos adiante pois a maquinaria estaba engraxada. Tamén porque estes dous eventos, As Quendas e As San Lucas xunto coa Catedral, son os principais atractivos deste concello. Por iso hai que pensar cada ano en como facer atractivas as festas para que a xente volva para o ano seguinte.

-Cal é o significado de “quendas” e cales foron as orixes desta feira?

Sobre as orixes coñeco aquilo que me transmitiu o cronista oficial, Antón Reigosa, quen forma parte tamén destas iniciativas dentro do colectivo “Mondoñedo É…”. Sobre As Quendas existe un documento do 15 de marzo de 1541 onde se dá permiso para unha feira franca de tres días, o un de maio e os dous seguintes. Este ano facemos dous días antes para acabar ese 1 de maio. Sobre o nome, posiblemente veña do latín en referencia aos primeiros días do mes, probablemente veña de aí. No caso das San Lucas, estas foron concedidas no século XII por Afonso VII, rei de Galicia que concedeu a Mondoñedo o título de cidade e dereito a facer esa feita de oito días. Logo deberon considerar necesario crear unha feira franca, libre de impostos. Non hai moita documentación sobre As Quendas, mais si se sabe que tivo un bo momento en 1935, revitalizadas polas Xuventudes do Partido Galeguista, quen tamén recuperaran en tempos da República, a celebración dos Maios. A información sobre ese ano apunta que as celebracións coas coplas e a feira foron un éxito. Despois veu o golpe de estado de 1936 e con posterioridade, deixáronse de celebrar en 1955 até a súa recuperación en 1984. Desde ese momento celebráronse ininterrompidamente até a chegada da COVID, cando foi imposible celebralas. Este ano volvemos porque cremos estar nun bo momento con respecto aos dous anos anteriores. Temos unha programación axeitada ás circunstancias, cun grande peso da parte cultural, tal como se espera da cidade de Mondoñedo como lugar prolífico en autores, desde Cunqueiro a Leiras Pulpeiro. Con ese legado pretendemos poñer en valor o noso patrimonio literario e o día 1 de maio converter a nosa cidade na capital da poesía. Por iso se celebra dentro das Quendas o “Mondoñedo é Poesía”, tamén a festa da Empanada que comezou cando se recuperou esta feira. Esta festa ten un obradoiro de amasado e enfornado como exemplo de querermos ofrecer sempre unha programación adaptada ás circunstancias e que sexa útil.

Tamén porque estes dous eventos, As Quendas e As San Lucas xunto coa Catedral, son os principais atractivos deste concello

-Iso en canto celebracións. No que corresponde á feira de gando, cal é o obxectivo?

En primeiro lugar potenciar as razas autóctonas e logo potenciar o noso sector gandeiro. É por iso que aumentamos os premios da feira de gando. Todo isto para transmitirlle á xente o sentirse orgulloso da nosas razas autóctonas, á parte da nosa lingua e literatura.

-Desde a recuperación desta feira e deixando á parte os anos da COVID, cal é a evolución das Quendas?

É boa porque o número de participantes foi aumentando. Desde que son presidente da Asociación As San Lucas en 2012, tanto o número de persoas e gando foi incrementándose. En 2019, ano en que acompañou a climatoloxía, houbo un bo número de razas autóctonas. Por tanto, creo que nos caracterizamos por dar abondos premios tanto nas San Lucas como nas Quendas de apoio ao sector gandeiro, sen esquecer ese carácter de feira, de mercado onde mercar e vender. Por iso creo que tanto unha feira como a outra son útiles para vendedores e compradores, visitantes e turistas. E tamén somos útiles aos comerciantes da cidade e arredores. Xunto coa feira tamén hai unha parte lúdica co seu gande interese, por iso cremos estar compaxinando todo de maneira correcta, mesmo creando unha personalidade propia para estas feiras que as fai diferentes a outras.

si se sabe que tivo un bo momento en 1935, revitalizadas polas Xuventudes do Partido Galeguista, quen tamén recuperaran en tempos da República, a celebración dos Maios

-A feira xira arredor dalgún tipo de gando en particular?

Viñámonos caracterizando polo gando cabalar. Mais foi en 2019 e agora en 2022 buscamos darlle importancia a razas de vacas como a cachena, a candelá, a rubia galega, a raza autóctona de cabras e ovellas, de porco celta e por suposto, cabalar. Este ano houbo que ampliar espazo con respecto ao 2019, por iso podo dicir que as expectativas son boas de cara o ano que vén. Este ano será nos Xardíns de Cunqueiro onde se reciba á pregoeira das festas.

-De cara as persoas foráneas, cales son as diferenzas entre as Quendas e As San Lucas?

As San Lucas celebráronse ininterrompidamente, son as máis antigas de Galicia e o prestixio que gañaron polos anos de historia e de xeracións que viñeron a elas e isto deulle personalidade propia. As Quendas creo que fomos reconstruídoas ben desde hai trinta anos. É como unha copia das San Lucas aínda que As Quendas teñen elementos como a festa da empanada e a parte cultural.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...