Mondoñedo estuda recorrer á Valedora do Pobo ante a non execución das melloras na N-634 por parte do Goberno

O goberno municipal destaca que “agora, co comezo da época estival, os desvíos do tráfico pola nacional son máis frecuentes debido á maior frecuencia na aparición de néboas no alto do Fiouco”. Destacan así a necesidade de dotar de iluminación esta estrada no tramo de Mondoñedo.

Saída á N-634 desde a A-8 á altura de Mondoñedo. AXM

O Concello de Mondoñedo denunciou que durante a mañá deste venres 13 de maio a autovía A-8 estivo cortada a causa da néboa. Debido a isto, o tráfico tivo que ser desviado pola N-634. O Concello de Mondoñedo denuncia que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana non acaba de atender as súas demandas de melloras nesta vía. Por este motivo, o consistorio mindoniense non descarta pedir o amparo da Valedora do Pobo, dado que o estado da estrada ocasiona situación de risco para o trafico rodado.

O goberno local espera as melloras precisas na citada vía desde 2017. Durante aquel ano, a entón alcaldesa, Elena Candia, xa solicitara en xullo unha reunión coa subdelegada do Goberno en Lugo para reivindicar unha actuación para mellorar o estado de conservación da vía. Esta petición xa fora trasladada en anteriores ocasións e o Executivo local xa conseguira o compromiso do Goberno do Estado para levar a cabo o estudo do proxecto para a mellora da seguridade vial na N-634 en abril dese ano. A intervención debía atender a substitución da capa de microaglomerado, mellora na sinalización, balizamento e defensas; acondicionamento e mellora das interseccións e limpeza e perfilado de cunetas, así como o peche de zonas onde poidan aparecer animais soltos.

O ano pasado, o Concello volveu a demandar a execución das obras precisas na N-634. O Goberno reivindicou o arranxo urxente desta estrada que presenta un firme en mal estado, co asfalto desgastado, e con iluminación e sinalización horizontal deficiente que dificultan a circulación de vehículos en condicións de seguridade nos días de néboa que son, precisamente, os casos nos que a N-634 ten que absorber o tráfico desviado da autovía A-8.

O goberno municipal destaca que “agora, co comezo da época estival, os desvíos do tráfico pola nacional son máis frecuentes debido á maior frecuencia na aparición de néboas no alto do Fiouco”. Destacan así a necesidade de dotar de iluminación esta estrada no tramo de Mondoñedo.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here