InicioCentralMondoñedoO II Encontro Álvaro Cunqueiro estudará as conexións entre o universo do...

O II Encontro Álvaro Cunqueiro estudará as conexións entre o universo do autor mindoniense con outras culturas e tradicións literarias

Armando Requeixo, coordinador das actividades e publicacións da Casa Museo Álvaro Cunqueiro, sinala que o autor “é crucial e fundamental para a literatura en galego e en moitos sentidos, foi un autor fundacional dos máis completos”. Así, durante os días 1 e 2 de xullo diversas investigacións debullarán os diferentes mundos que compoñían a obra do fillo do boticario de Mondoñedo.

Publicada o

- Advertisement -

A figura de Álvaro Cunqueiro será o centro do II Encontro sobre o autor na súa vila natal de Mondoñedo. O Encontro está dirixido polo investigador e secretario do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Armando Requeixo, quen ademais é o coordinador de actividades e publicacións da Casa Museo Álvaro Cunqueiro. Acompáñano nas tarefas de coordinación e dirección Laura Caamaño Pérez e Abel Vigo García. O encontro celebrarase no Auditorio Pascual Veiga de Mondoñedo e o programa recolle nomes de autores e autoras que, directa ou indirectamente, tiveron e teñen unha relación estreita coa figura do autor de Merlín e familia ou As crónicas do Sochantre.

O I Encontro Álvaro Cunqueiro. O Camiño de Quita e Pon celebrouse en 2021 porque xa “era o momento de recoller o herdo da obra e figura do autor por distintos eventos, era o 40 aniversario do seu pasamento e tamén se cumprían os 30 anos do Día das Letras Galegas dedicado a Cunqueiro e tamén o 30 aniversario do último grande evento académico sobre a súa figura”, explica Armando Requeixo. A idea detrás dos Encontros Álvaro Cunqueiro era non só a figura “do príncipe das letras mindonienses”, senón organizar de novo encontros académicos na vila natal do autor, “por iso algúns de nós vimos necesario a creación dun encontro anual coa figura de Cunqueiro como epicentro”.

O primeiro encontro celebrado en 2021 tiña como epicentro o herdo que deixara a obra cunqueiriana “e coñecer cal era o presente da súa figura”. Mais o II Encontro Álvaro Cunqueiro. Cunqueiro e Familia, busca ser o encontro “coa familia autorial, coas conexións e fíos de unión entre o autor e outros grandes da literatura, por iso incluímos nesta edición figuras que abordasen aqueles autores e autoras referencias na obra de Cunqueiro, desde Rosalía de Castro a Leiras Pulpeiro, Shakespeare, Pessoa ou Italo Calvino”. A “familia autorial” que describe Requeixo tamén inclúe as figuras de Fernández Florez, Cela, Méndez Ferrín e amizades como Fernández del Riego ou Eugenio Granell.

INTERVENCIÓNS

O programa deste II Encontro Álvaro Cunqueiro incluirá breves relatorios a cargo de diferentes personalidades. Estas intervencións explorarán as distintas relacións entre o autor do libro Os Outros Feirantes con personaxes como Castelao, Otero Pedrayo, Pessoa, Leiras Pulpeiro e outros xa mencionados. Entre os relatores estarán o historiador Miguel Seixas Seoane, Carmen Blanco, Isabel Morán, Miguel González Somovilla e Antonio Gamoneda, considerado un dos mellores poetas vivos en castelán, falará sobre a conexión que o unía a Cunqueiro.

Por outra parte, haberá un recital poético-musical onde intervirán Claudio Rodríguez Fer, Olga Novo, Luis Valle, César Cunqueiro e Antonio Gamoneda. Todos eles estarán acompañados no apartado musical por Rebeca Maseda e Iván Siso, da Orquestra Sinfónica de Galicia.

Tamén se presentará o libro O Mundo e Outras Vésperas, unha recolleita de artigos publicados no xornal El Pueblo Gallego entre 1932 e 1936. Unha obra apoiada polo Concello de Mondoñedo, Casa Museo Álvaro Cunqueiro e Xunta de Galicia. “É un traballo que ofrece un Cunqueiro “condensado”” sinala Armando Requeixo.

O día 1 de xullo haberá un espectáculo na Praza da Catedral de Mondoñedo ás 22:30 onde intervirá Cándido Pazó e que estará aberto a toda a cidadanía que queira asistir. Por último, está previsto que a clausura do encontro conte coa participación do reitor da USC, Antonio López, do alcalde de Mondoñedo, Manuel Otero e César Cunqueiro como representante da familia.

“APOSTA PERSOAL”

“Traer este encontro a Mondoñedo é unha aposta persoal” destaca Armando Requeixo. “Estamos moi contentos coa recepción e o número de persoas matriculadas a pesar de que non se celebra en Compostela”. “Cunqueiro é crucial e fundamental para a literatura en galego e en moitos sentidos, foi un autor fundacional dos máis completos”. Nese sentido, a obra do autor abrangue xéneros moi diferentes entre si que van desde a literatura (prosa, poesía, teatro), libros sobre gastronomía ou sobre viaxes.

“Estamos diante dunha figura que conectou mitos do mundo máxico oriental, céltico e paneuropeo co mundo clásico creando figuras como o seu Orestes ou Fanto Fantini que cosen a nosa cultura con outras”. Isto último para Armando Requeixo supón que Cunqueiro sexa escollido “como o máis doado de traducir para outras linguas porque ten esa conexión con outras culturas e mundos”.

Armando Requeixo, coordinador da Casa Museo Álvaro Cunqueiro

O paradoxo é que todo ese universo creado a base de lecturas foise tecendo “nun espazo que ía da Fonte Vella á barbaría do Pallarego e de alí á Praza da Catedral e ao Seminario, onde o pai tiña a súa botica”, describe Requeixo. “Aínda que falaba doutros lugares do mundo, acababa falando de Mondoñedo, tanto en relación a persoas como sucesos da cidade” tendo en conta tamén que “se reivindicaba como vigués”. O seu labor no Faro de Vigo afastábao moitas veces da súa vila natal, algo que reflectía en columnas onde aludía a determinadas datas para lembrar, por exemplo, As San Lucas.

Todo isto confluirá os días 1 e 2 de xullo no Auditorio Pascual Veiga para acoller a todas as persoas matriculadas neste encontro. Durante este segundo encontro describiranse as liñas, camiños e vías que no seu día uniron a imaxinación de Cunqueiro con mitos universais e xuntalos todos nun lugar do mundo chamado Mondoñedo.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...