O artista Candido Pazó actuará este venres en Mondoñedo dentro do II Encontro Álvaro Cunqueiro

Este curso de verán da Universidade de Santiago conta co apoio do Concello de Mondoñedo e da Casa Museo Álvaro Cunqueiro e reunirá a importantes estudosos e escritores arredor da figura do mindoniense.

Casa-Museo de Cunqueiro. AXM

O actor, escritor e dramaturgo Cándido Pazó actuará o venres día 1 de xullo ás 22:30h na Praza da Catedral de Mondoñedo, onde levará a cabo unha sesión como contador oral no marco do II Encontro Álvaro Cunqueiro, curso de verán da Universidade de Santiago. A entrada será libre e gratuíta e entre o público contarase cos congresistas do Encontro e autoridades locais.

Dentro das actividades desenvolvidas con motivo da celebración do II Encontro Álvaro Cunqueiro, e como complemento ao programa oficial, terá lugar a actuación do contador oral Cándido Pazó, evento promovido pola Casa Museo Álvaro Cunqueiro coa axuda da Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Concello de Mondoñedo.

O evento levarase a cabo na Praza da Catedral, ás 22:30h do venres 1 de xullo. Poderán asistir todas as persoas que o desexen, pois a entrada é gratuíta e aberta non só aos congresistas, senón tamén ao público xeral.

O II Encontro Álvaro Cunqueiro. Cunqueiro e familia, desenvolverase ao longo do venres 1 e sábado 2 de xullo no Auditorio Pascual Veiga en Mondoñedo. Este curso de verán da Universidade de Santiago conta co apoio do Concello de Mondoñedo e da Casa Museo Álvaro Cunqueiro e reunirá a importantes estudosos e escritores arredor da figura do mindoniense.

Entre os conferenciantes e relatores que pasarán estes dous días pola cidade mindoniense están Carmen Blanco, Manuel Lourenzo, Isabel Morán, Patricia Arias Chachero, Miguel Anxo Seixas Seoane, Francisco López Barxas, Xe Freyre, Concepción Sanfiz Fernández, Miguel González Somovilla, Antonio Gamoneda, María López Sández, Saturnino Valladares e Víctor F. Freixanes, que se ocuparán das conexións literarias entre Cunqueiro e outros grandes da escrita como Shakespeare, Rosalía, Dante, Pessoa ou Castelao, entre outros.

Está previsto tamén un recital poético-musical no que participarán poetas de tanto relevo como Antonio Gamoneda, Claudio Rodríguez Fer, Olga Novo, Luís Valle ou o fillo do autor, o tamén escritor César Cunqueiro, o recitado dos cales amenizará musicalmente o dúo formado por Rebeca Maseda e Álex Llana.

No marco do curso presentarase un novo libro de Cunqueiro: O mundo e outras vésperas. Colaboracións en El Pueblo Gallego (1932-1936), do que se responsabilizou Armando Requeixo, quen estará acompañado por Xina Vega e Marcos Calveiro, director de edicións da Editorial Galaxia, que publica a obra. Este II Encontro Álvaro Cunqueiro está dirixido por Armando Requeixo e secretariado por Laura Caamaño e Abel Vigo.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here