InicioPolíticaDesacordos no goberno do Valadouro polos soldos do alcalde e dous representantes...

Desacordos no goberno do Valadouro polos soldos do alcalde e dous representantes do BNG

Neste verán as dúas forzas políticas selaron un acordo para gobernar en coalición os menos de dous anos que restan de lexislatura. Ata entón, os socialistas gobernaran en minoría; aínda que esta unión de ambas as forzas políticas xa levou a cabo na anterior lexislatura.

Publicada o

- Advertisement -

O primeiro pleno municipal do Valadouro tras o acordo alcanzado polo PSOE e o BNG este verán para formar un goberno bipartito evidenciou as primeiras fisuras. En concreto, a edil socialista Fina Geada votou en contra dos soldos a percibir polas dedicacións do alcalde e os dous representantes nacionalistas. “O señor alcalde preferiu asinar un pacto de goberno co BNG e apartarme a min”, sentenciou no pleno Fina Geada, quen sente “prexudicada” pola nova reorganización municipal.

A edil socialista afirmou que apoiou o pacto por “a necesidade de aprobar uns orzamentos que son prorrogados desde 2017”. Tras o acordo entre o PSOE e o BNG, Fina Geada quedou sen a titularidade das concellarías que levaba ata o momento, como a de cultura.

“Afirmóuseme que levaría unha concellaría adscrita á Alcaldía que consistía en levar todos os seus asuntos e, a maiores, de agasallo polo BNG, déronme a de atención cidadá. Ao recibir a convocatoria do pleno decátome de que nas funcións como concelleira non teño ningunha función de xestión”, reivindicou.

Na súa reflexión final no pleno apelou a que “para continuar traballando polos intereses dos veciños e non por intereses persoais, débese seguir o que queda de lexislatura sen os gastos de dedicacións dos órganos de goberno. Quedou demostrado que se pode investir o noso tempo sen gañar nada a cambio. Desta maneira poderemos aforrar para as arcas municipais outros 160.000 euros”, remarcou.

Pola súa banda, o alcalde do Valadouro, Edmundo Maseda, anunciou os novos cargos dos edís nacionalistas ao formar parte do grupo de goberno. Eduardo Chao, portavoz do BNG, será o primeiro tenente de alcalde e ocuparase das áreas de cultura, normalización lingüística e medio rural. Doutra banda, o nacionalista Eliseo Teijeiro levará obras e deportes, ademais de ser o terceiro tenente de alcalde.

As retribucións que finalmente non foron aprobadas polo pleno ascendían aos 20.000€ para o alcalde e a unha partida de 8.000€ para cada concelleiro nacionalista. Neste verán as dúas forzas políticas selaron un acordo para gobernar en coalición os menos de dous anos que restan de lexislatura. Ata entón, os socialistas gobernaran en minoría; aínda que esta unión de ambas as forzas políticas xa levou a cabo na anterior lexislatura.

No pleno ordinario deste xoves tamén tomou posesión de concelleira Pilar Vázquez. A socialista ocupa o lugar deixado por María Mon Geada, filla da edil Fina Geada, que renunciou ao seu cargo.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...