Un novidoso obradoiro afondará na creatividade escénica en Vegadeo

A poeta laurentina Marina Oural e a música coruñesa Chefa Alonso coordinan o curso, que se celebrará o 18 de xaneiro na casa da cultura

A música e compositora coruñesa Chefa Alonso nun obradoiro de improvisación. FACEBOOK CHEFA ALONSO

O vindeiro 18 de xaneiro, a casa da cultura de Vegadeo acollerá un obradoiro de creatividade escénica, coordinado pola poeta laurentina Marina Oural e a música coruñesa Chefa Alonso.

POESÍA E IMPROVISACIÓN

A poesía e a improvisación musical conflúen nesta iniciativa que afonda na comunicación entre as persoas. “Trátase de empregar a arte como motor para espirnos de todos os roles e buscar, no esencial, a capacidade que temos para comunicarnos”, comenta Oural.

“A actividade pretende facilitar ás persoas que asistan ferramentas e aprendizaxes para aplicar nos seus ámbitos de acción”. O obradoiro interesou a profesionais da música, da composición, da narración, da docencia ou da xestión cultural ata case esgotárense as primeiras 15 prazas dispoñibles.

compositores, creadores e docentes interesáronse polo curso, para o que restan poucas prazas

“Barallamos organizar unha segunda sesión se continúan chegándonos solicitudes”, explica a creadora laurentina, que subliña a colaboración de aCentral Folque, Mialma Produciois e mais da Concellería de Cultura de Vegadeo.

O curso, baixo o epígrafe “Lánzao: música e palabra”, forma parte das propostas do proxecto artístico e didáctico da Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento que a poeta desenvolve canda a cantante Ugía Pedreira, e que traballa no ámbito das diversidades artísticas e das diversidades funcionais.

COLABORACIÓN CON CHEFA ALONSO

Marina Oural e Chefa Alonso estréanse como dúo neste obradoiro despois de teren compartido outros proxectos desde 2015, o máis recente a obra “Juana de Ibarbourou, inspiracións”, unha creción multidisciplinar composta de música, danza e poesía inspirada na vida e na obra da poetisa uruguaia de orixe laurentina Juana Fernández Morales (1892-1979).

 

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here