A axenda cultural: os Reis Magos protagonizan a primeira fin de semana do 2019

Amancio Prada, a gala de Got Talent ou o recibimento a Sabela animarán este venres

O Rei Melchor, na cabalgata de Viveiro do 2016. VIVEIRO TURISMO

Repasamos a axenda cultural e de ocio da primeira fin de semana de xaneiro, protagonizada polas cabalgatas dos Reis Magos.

BURELA

A Asociación de Magos da Mariña entreterá o venres cos seus trucos aos pacientes do Hospital da Costa. A partir das 17.00 horas.

O luns 7 celebrarase o Día do Neno, na carpa instalada este Nadal na Praza da Mariña. Todas as actividades que se desenvolvan alí durante esa xornada serán gratuítas.

CERVO

Tamén o venres, Trío Duero ofrece un recital de Nadal no auditorio de San Cibrao, a partir das 20.00 horas.

O sábado, ao remate da cabalgata, o grupo de teatro O Bordelo estreará unha nova peza, ‘Toluras de proveito‘. Será no consistorio, desde as 20.00 horas aproximadamente.

Cartel da obra. AXM

OUROL

O Concello de Ourol recibirá a Sabela este venres, a partir das 20.30 horas no centro social de Bravos.

A finalista de Operación Triunfo (OT) desfrutará dunha cálida acollida no seu lugar de orixe.

RIBADEO

Amancio Prada ofrece un concerto este venres coa Coral Polifónica de Ribadeo. A actuación será de balde, na igrexa parroquial de Santa María do Campo a partir das 20.45 horas.

Continúa instalada a pista de xeo XL que custean Acisa e Concello, con Djs nas noites dos venres e sábados.

O sábado, a partir das 13.00 horas na rúa de San Francisco, cinco músicos ribadenses ofrecerán un concerto solidario a prol de Darius, un neno de oito anos cunha enfermidade rara, a atrofia muscular espiñal.

Cartel do evento. AXM

Os organizadores convidan aos asistentes a desfrutar dun vermú de rock and roll e achegar o que podan para axudar ao pequeno e á súa familia.

VIVEIRO

Tres concursantes de Got Talent, o cantautor viveirense Joni Ramos, o poeta e gañador do certame César Brandon e o mago Shado actuarán este venres no Pastor Díaz. O espectáculo comeza ás 20.30 horas.

Este venres, o Centro Comercial Histórico de Viveiro (CCHV) sortea tres soldos de 1.200 euros entre os seus clientes. Ás 20.30 horas, na Praza Maior.

Tamén continúa exposto o nacemento a tamaño real ‘Viveiro ante o berce‘.

XOVE

Xove celebra este venres o Día dos Nenos, con xogos acuáticos na piscina de 11.00 a 14.00 e de 16.30 a 19.30 horas.
A partir das 16.00 horas haberá inchables no pavillón municipal de deportes, ata as 20.00.

CABALGATAS

En Barreiros, ás 20.00 abrirá o belén vivente e comezará a cabalgata, que concluirá no centro cultural Manuel Díaz Sampedro.

Os Reis Magos chegan á Mariña Lucense. En Burela, a comitiva real sairá ás 19.00 horas do local da asociación Ledicia na Rúa do Ril. Rematará na Praza da Mariña.

En Cervo, os monarcas percorrerán San Cibrao desde as 17.30 horas e a capitalidade municipal a partir das 19.30 horas. A súa traxectoria rematará no salón de actos do consistorio, no que actuará o grupo de teatro O Bordelo, que estreará unha nova peza.

En Foz, os Reis Magos partirán da Rapadoira ás 19.00 horas ata o consistorio. Ao remate, os monarcas atenderán aos nenos na Sala Bahía.

En Mondoñedo, o traxecto de Melchor, Gaspar e Baltasar comezará ás 18.30 na alameda dos Remedios, para rematar no auditorio.

En Ribadeo, a cabalgata comezará ás 19.00 horas, desde o Hospital Asilo ata a casa do concello.

Baltasar, ao seu paso por San Cibrao. AXM

En Xove, os Reis estrearán novas carrozas, aínda que farán o percorrido habitual, desde o campo de fútbol municipal ata o centro cívico.

Ás 18.00 horas, os monarcas acudirán á residencia San Bartolomé. Unha hora máis tarde comezará o percorrido polas rúas de Xove.

En Viveiro, a cabalgata irá de Celeiro á Praza Maior. Sairá ás 18.00 horas, e media hora antes será a inscrición para participar da comitiva co DiverTren. Na praza, Melchor, Gaspar e Baltasar dirixiranse ao público.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here