Ribadeo celebrará o centenario de Carlos Fernández-Cid

O sábado descubrirase unha placa na casa natal do músico, figura chave da cultura ribadense

Presentación do centenario de Fernández-Cid. ARQUIVO XORNAL DA MARIÑA

A Coral Polifónica e a Sociedade Filantrópico Dramática de Ribadeo, coa axuda do Concello, impulsarán diversos actos de homenaxe a Carlos Álvarez Fernández-Cid neste 2018, ano de centenario do seu nacemento. A organización recoñecerá a “unha figura imprescindible na historia da música do noso municipio”, segundo asegurou Carmen Rodríguez Cancelo, directora da coral, na presentación do programa.

Acudiron tamén ao evento, celebrado no Cine Teatro, o alcalde ribadense, Fernando Suárez Barcia, e representantes dos seguintes colectivos e centros: Banda de Música, Amadores da Música, Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD), IES de Ribadeo, parroquia de Santa María do Campo e Peña Madridista del Eo.

O primeiro acto en honra de Fernández-Cid será o vindeiro sábado, desde as 13.00 horas, coa colocación dunha placa conmemorativa na súa casa natal. Ao remate, a banda municipal ofrecerá un concerto.

o programa inclúe varios concertos e a publicación dun libro

Tamén haberá un concerto de verán e outro de música clásica, publicarase un libro patrocinado pola Xunta de Galicia e o IES Gamallo Fierros adicará a axenda escolar 2018-2019 á figura do homenaxeado. A Sociedade Filantrópico Dramática deseñou unhas telas conmemorativas e que estarán todo o ano no lateral do teatro lembrando este centenario.

PERFIL

Carlos Álvarez Fernández-Cid naceu en Santiago de Compostela no 1918, pero veu vivir a Ribadeo, de onde era súa nai, cun ano de idade. Farmacéutico e profesor, desde 1934 a 1983 protagonizou o panorama musical ribadense. Dirixiu a Banda Municipal de Ribadeo nos anos 1946 e 1949. No 1955 creou a Coral Polifónica ribadense e recuperou unha rondalla que actuou pola zona nas décadas dos 60 e 70. Morreu no 1984.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here