Mondoñedo celebrará 450 anos da festa da árbore, a primeira documentada en Europa

O 2 de febreiro recordarase a efeméride cunha plantación simbólica na Alameda dos Remedios, onde Luis de Luaces ordeou a primeira en 1569

Presentación da Festa da Árbore de Mondoñedo. AXM

Preocupado pola deforestación das fragas para a exportación de madeira ao norte de Europa, o 4 de febreiro de 1569 o rexedor de Mondoñedo, Luis de Luaces, ordenou que cada veciño trouxese e plantase tres árbores nos terreos da actual Alameda, adquiridos nove anos antes ao cabildo para uso público. O incumprimento sería sancionado cunha multa de medio real por cada planta.

O historiador e cronista oficial, Francisco Mayán Fernández, atopou no arquivo municipal o documento que databa o episodio histórico, investigado e reivindicado por Eduardo Lence Santar como “a primeira festa da árbore” documentada en Europa no seu libro “Mondoñedo y el arbolado en el siglo XVI” e lembrado cun monolito na mesma Alameda desde 1940.

Cúmprense 450 anos e Mondoñedo enorgullécese da efeméride. A Asociación Cultural O Pasatempo, que ven dando continuidade á festa nas dúas últimas décadas, prepara unha celebración excepcional para o 2 de febreiro.

ROTEIRO DA ÁRBORE

As actividades iniciaranse cun Roteiro da Árbore, nò que o mestre Francisco Piñeiro guiará os asistentes polas zonas arboradas que tivo a cidade. O paseo comezará na Praza da Catedral e concluirá diante da Casa de Luaces, onde naceu o rexedor.

Desde alí sairán cara a Alameda dúas carrozas con nenas e nenos da GaitaEscola de Mondoñedo. A posta en escena lembrará á da festa de 1902, a primeira da que se conservan imaxes, as fotografías do cartel conmemorativo do 450 aniversario.

PLANTACIÓN

O cronista oficial de Mondoñedo, Antonio Reigosa, dará o pregón da festa e, logo, comezará a plantación das árbores, con música e un recital poético de fondo. As especies elixidas foron dous castaños de indias, un magnolio, duas azaleas e unha árbore froiteira, unha chiscadela ao acontecido en 1569.

A celebración concluirá tamén coma daquela cunha comida popular. A veciñanza poderá sumarse a un convite gratuíto de liscos, pan e viño, simulando o banquete de Luis de Luaces na primeira edición.

PROGRAMACIÓN DE TARDE

A axenda do 450 aniversario continuará pola tarde no Auditorio Municipal con actividades para nenas e nenos cun obradoiro de bonecos de cartón e un contacontos a cargo de Ton Arenas e mais a actuación de Kote Malabar. Repartirase a tradicional merenda de pan con chocolate.

Ademais, durante toda a tarde estarán expostos os debuxos participantes no Concurso de Debuxo da Árbore, realizados no CEIP Álvaro Cunqueiro e na Escola Infantil de Mondoñedo, de onde sairon os debuxos gañadores dos carteis e trípticos da festa.

CHARLAS

O luns 4 de febreiro, o historiador Roberto Reigosa impartirá nos centros educativos de primaria, secundaria e formación profesional da localidade charlas sobre a orixe da festa da árbore e o seu contexto histórico.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here