Mondoñedo, punto de encontro dos narradores orais de Galicia

A xuntanza dos contacontos incluirá una actuación gratuíta no auditorio o 26 de xaneiro

Felipe Díaz "Caxoto" e Gema Santos, durante unha actuación. AXM

Mondoñedo acollerá a vindeira fin de semana o primeiro encontro da narración oral galega, que reunirá a contacontos de toda Galicia para unha convivencia que incluirá unha actuación no auditorio Pascual Veiga.

Un dos organizadores do evento, que xuntará arredor de 25 persoas, é o narrador cervense Felipe Díaz “Caxoto”, coordinador da Trastenda dos Contos. Os impulsores contaron coa colaboración do Concello de Mondoñedo e da Asociación As San Lucas.

“A idea é organizarnos, porque este é ás veces un oficio solitario, é de aí saíu a idea de xuntarnos unha fin de semana. É a primeira vez que se fai e agardamos repetir”, expón Caxoto.

SÁBADO

O programa comezará o sábado 26 cun xantar na Casa da Penela, ao que seguirá unha xuntanza dos narradores orais galegos.

A partir das 20.00 horas, os participantes xuntaranse no auditorio para unha noite de contos, aberta ao público e de balde. A continuación, os participantes cearán no Pub A Bodeguiña.

DOMINGO

O domingo, o cronista oficial de Mondoñedo, Antonio Reigosa, ofrecerá unha visita guiada polo casco histórico mindoniense aos participantes do encontro.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here